A Deputación inicia as obras de mellora da seguridade do cruzamento de Landoi, en Cariño
O proxecto, que ten un orzamento total de 425.000 euros, inclúe a modificación do trazado da estrada de Landoi para aumentar a visibilidade na intersección
Constrúese un carril central de espera e desdóbrase o esquerdo, facilitando así as incorporacións
A pesar da sinalización de obra xa instalada, solicítase aos condutores que circulen pola zona con precaución
A Deputación da Coruña iniciou esta semana as obras de mellora da seguridade na intersección das estradas provinciais DP- 6121 e DP-6119, que da acceso a Landoi, no Concello de Cariño, e que contan cun orzamento total de 425.000 euros.
A actuación eliminará un punto perigoso da rede provincial de estradas e mellorará a seguridade viaria no citado cruzamento, que dá acceso á parroquia de Landoi desde a estrada de Mera a Cariño, unha zona na que existía unha escasa visibilidade.
O ano pasado, o presidente Valentín González Formoso fixo unha visita á zona xunto ao alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, que lles trasladou ao presidente e ao equipo de Vías e Obras da Deputación a necesidade urxente de actuar na zona, debido ao perigo de accidentes que supón.
Para eliminar estre problema, as obras inclúen, por unha banda, a modificación do trazado da estrada de Landoi (DP-6119) para aumentar o radio de xiro da manobra de incorporación á vía de Mera a Cariño gañando así visibilidade e, pola outra, a creación na vía de Mera a Cariño (DP-6121) dun carril central de espera e o desdobramento do esquerdo para facilitar as incorporacións a Landoi.
As obras inclúen tamén a creación neste punto dunha área de descanso con vistas á ría e habilitará unha zona de xiro para que os vehículos que circulan pola estrada xeral poidan realizar cambios de sentido.
Desde a Deputación da Coruña e o Concello de Cariño piden aos condutores, a pesar de que a sinalización de obra xa está instalada, que circulen con precaución pola zona.