O Premio Torrente Ballester fallarase o 18 de novembro no Pazo de Mariñán
Berta Dávila, Diego Giráldez, Montse Fajardo, Xina Vega e Raúl M. Santos son os membros do xurado na modalidade en lingua galega
Marcos Giralt Torrente, Bibiana Candia, Gabriela Consuegra, Javier Peña e María Cureses conforman o xurado do Premio na modalidade en lingua castelá
O neto de Gonzalo Torrente Ballester forma parte do xurado por primeira vez na historia do premio literario e manterá un encontro con lectores na Libraría Berbiriana da Coruña (18 novembro ás 19.30 h)
O venres 18 de novembro o Pazo de Mariñán acollerá as dúas xuntanzas dos xurados da XXXIV edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. Mariñán volverá converterse deste xeito no punto de encontro dos dez membros de ambos xurados, que están conformados por escritores e escritoras do panorama galego e estatal, entre os que se conta un Premio Nacional de Narrativa como Marcos Giralt Torrente.
O neto de Gonzalo Torrente Ballester forma parte do xurado por primeira vez na historia do premio literario e, trala reunión en Mariñán, manterá un encontro con lectores na Libraría Berbiriana da Coruña. A cita, aberta ao público, será o venres 18 de novembro ás 19.30 horas.
Ademais de Marcos Giralt Torrente, o xurado da modalidade en lingua castelá está composto por Bibiana Candia, Gabriela Consuegra, Javier Peña e pola escritora gañadora deste premio na edición 2021 María Cureses. Mentres, o xurado na modalidade en lingua galega está conformado por Berta Dávila, Diego Giráldez, Montse Fajardo, Xina Vega e o gañador deste premio na edición 2020, Raúl M. Santos.
Cinco premios literarios en 2022
Coa concesión do Premio Torrente Ballester, a Deputación da Coruña pechará o 2022 con cinco novas obras galardoadas nos seus certames literarios: "O bico da serea" de Siqi Luis Yang e Uxía Larrosa Villanueva como gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada, "A falsa autónoma" de Yolanda Castaño como gañadora do González Garcés de Poesía, e "A tribo do mar" de Lois Pérez como gañadora do Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.
Á banda deseñada, poesía e LIX sumaranse as dúas novelas premiadas trala deliberación do "Conclave de Mariñán" o 18 de novembro. As cinco obras será publicadas durante o ano 2023.