A Deputación fai efectiva a cesión de estradas aos Concellos da Coruña e de Narón e á Xunta de Galicia
No caso da Coruña, pasan a mans municipais as estradas DP-3001, que dá acceso ao sanatorio de Palavea, DP-3003, de San Pedro de Visma a Mazaído, e a DP-3007, rúa Newton
En Narón entrégase o treito da DP-5401 na aldea de Borreiros que conecta coa AC-566
A Xunta de Galicia recibe o treito final da estrada DP-5802 que dá acceso ao porto de Lorbé, en Oleiros
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, mércores 9 de novembro, a cesión, por parte da Deputación da Coruña, de diferentes estradas provinciais aos Concellos da Coruña e de Narón e tamén á Xunta de Galicia.
No caso do Concello da Coruña, pasarán a ser de titularidade municipal na súa totalidade as estradas DP-3001, que dá acceso ao sanatorio de Santa Gema en Palavea, a DP-3003, que vai desde San Pedro de Visma a Mazaído, e a DP-3007, que corresponde coa rúa Newton do Polígono da Grela. Os tres viais suman un total de 3,7 quilómetros.
Pola súa parte, ao Concello de Narón entréganse dous treitos da vía DP-5401 ao seu paso pola aldea de Borreiros e que conectan esta estrada coa AC-566.
Por último, faise efectivo o traspaso á Xunta de Galicia do treito final da estrada DP-5802, que dá acceso ao porto de Lorbé, en Oleiros.