Estás en:Novas

Ataque Escampe e David Silva levan ao Teatro Colón o seu espectáculo ‘Na noite brillan’

Será o 26 de novembro, ás 20 horas, no marco da programación da área de Cultura da Deputación, e as entradas xa se poden retirar, de balde, nas web do teatro coruñés e de Ataquilla.com

Ataque Escampe e David Silva levan ao Teatro Colón o seu espectáculo ‘Na noite brillan’

A programación de Cultura da Deputación volve ao Teatro Colón da Coruña, onde o 26 de novembro, ás 20 horas, Ataque Escampe presentarán 'Na noite brillan', un espectáculo audiovisual con música en directo en colaboración co videógrafo David Silva. Nel, a través de máis dunha ducia de episodios, a banda compostelá alternará cancións do seu vindeiro disco —previsto para 2023— con algunhas das pezas máis inexploradas do seu repertorio.

Canda a música, a proposta visual está atravesada "por imaxes que vertebran pasado e futuro, o mundo dos vivos e o mundo dos mortos", explica Silva. "Mediante o fío condutor dun vello Mercedes e cunha estética case mística por onde se filtra a realidade, 'Na noite brillan' explora as ideas da reencarnación e da metamorfose a través da vida dunha banda de pop", engade.

Desde a súa formación en 2001, Ataque Escampe consolidouse como un dos grupos máis importantes da escena galega grazas a discos coma "A grande evasión" e "Violentos anos dez", por citar dous dos de mellor acollida dos once que publicaron entre 2007 e 2019. Nese tempo, pasaron de facer "rock de serie B" (segundo etiqueta propia, referida a un son con alicerces no rock acústico e o folk rock estadounidense) a interpretar un pop onde collen todo tipo influencias puntuais, do soul ao rap, pasando pola música disco ou os ritmos latinos.

Miguel Mosqueira (guitarras, voz e coros), Samuel Solleiro (guitarras e coros), Xoán Lois García Carlín (baixo e teclados), Álex Charlón (voz) e Cibrán Tenreiro (batería, percusión e coros) son os membros da banda na actualidade.

As entradas, de balde, xa se poden retirar nas web do Colón e de Ataquilla.com.