Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Muxía invisten 200.000 euros na mellora da estrada de Leis

Valentín González Formoso e Iago Toba asinaron o convenio para o financiamento das obras, que renovarán o firme e mellorarán a seguridade nos 1.520 metros do vial

A Deputación e o Concello de Muxía invisten 200.000 euros na mellora da estrada de Leis

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Muxía, Iago Toba, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das obras de mellora da estrada que conecta o núcleo de Leis co límite municipal de Muxía.

As obras suporán un investimento de 200.000 euros, dos que a Deputación achegará 160.000 €, o 80% do orzamento total.

Actuarase nunha superficie de 1.520 metros. Os traballos incluirán a limpeza de cunetas, a dotación dunha anchura uniforme de 5,5 metros a todo a vía, o estendido dunha capa de 6 cm de aglomerado en quente a toda a calzada, a construción de cunetas de seguridade nas curvas máis pechadas, a instalación de máis de 200 metros de barreiras de seguridade e a renovación completa da sinalización horizontal e vertical, incluíndo o pintado da estrada, a colocación de sinais de stop e paneis direccionais permanentes.

Os traballos suporán unha importante mellora da seguridade na zona tanto para os viandantes como para os condutores, segundo indicou o alcalde, Iago Toba, que indicou que a actuación complementa outra obra na estrada que conecta Leis coa praia de Lago, na que o Concello de Muxía inviste 130.000 euros de fondos propios.