A Deputación apoia con 341.198 euros as entidades asociativas agrarias e labregas da provincia
Apoiar a produción e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros e forestais, fomentar o uso de novas tecnoloxías e a implantación de enerxías renovables nas explotacións son algunhas das actividades apoiadas
As actividades inclúen tamén accións orientadas ao aproveitamento do monte, reforestación e a prevención de incendio
A Deputación da Coruña vén de publicar a concesión das subvencións dirixidas a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia, nas que inviste 341.198 euros este ano.
Un total de trinta e sete entidades reciben este ano as axudas, que teñen como obxectivo fundamental "impulsar melloras en sectores clave para a economía coruñesa coma o agrario ou o lácteo", segundo afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Apoiar a produción e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros e forestais, fomentar o uso de novas tecnoloxías e a implantación de medidas de aforro enerxética e enerxías renovables nas explotacións, implantar accións de mellora xenética do gando ou desenvolver accións orientadas ao aproveitamento do monte e a prevención de incendios son algúns dos obxectos desta convocatoria, que conta con dúas liñas diferentes para financiar investimentos e actividades
No apartado de investimentos, as subvencións oscilarán entre os 3.781 euros e os 15.342 euros e destínanse a cuestións coma acondicionamento de locais, adquisición ou adecuación técnica de maquinaria específica, implantación de novas tecnoloxías ou enerxías renovables e repoboación forestal.
Na liña de actividades, as axudas van dos 6.400 € aos 15.540 euros e destínanse ao financiamento de contratación de persoal técnico especializado, labores de implantación e acondicionamento de cultivos, rozas, podas ou tratamentos silvícolas para a prevención de incendios, entre outras cuestións.
O deputado de Promoción Económica, Blas García, subliñou que a Deputación reserva nos Orzamentos de 2023 unha partida de 1.120.000 euros para apoiar o sector primario da provincia, con axudas para o sector agrario, gandeiro, forestal, pesqueiro e marisqueiro.