Estás en:Novas

Normalización Lingüística pecha o ano do bicentenario de Antolín Faraldo coa publicación de seis pezas audiovisuais

Normalización Lingüística pecha o ano do bicentenario de Antolín Faraldo coa publicación de seis pezas audiovisuais

A área provincial de Normalización Lingüística, que xestiona a deputada María Muíño, continúa co labor de divulgación da figura de Antolín Faraldo, o lider da revolución galega de 1846. Así, ao longo deste mes de decembro, porá o broche final á programación coa que conmemorou o bicentenario de Antolín Faraldo coa publicación de seis pezas audiovisuais nas que aborda temáticas que o propio persoeiro tratou na súa obra fai dous séculos.

As pezas audiovisuais iranse facendo públicas no YouTube da Deputación da Coruña e nas súas redes sociais e estarán en aberto para que poidan ser usadas polo conxunto da sociedade. O primeiro capítulo, que xa está dispoñible desde onte, aborda a temática do suicidio, e nas seguintes está previsto revisitar outros temas que o propio Faraldo tratou nos seus artigos xornalísticos e que continúan de actualidade: a liberdade de opinión e de imprenta, o feminismo, a mellora das comunicacións internas na Galiza, ou a organización territorial do Estado.

Convén lembrar que a Deputación da Coruña, a través da área de Normalización Lingüística, desenvolveu ao longo do ano 2022 un programa de actividades para achegar a figura de Faraldo ao conxunto da cidadanía "que incluíu a divulgación do libro "Querida Liberdade", especiais sobre a súa figura en medios de comuninación, a organización dos xogos florais en Betanzos na súa honra e que agora con estas pezas audiovisuais, co que e creo que humildemente contribuímos a que se coñeza un pouco mellor nosa propia historia, e a dunha xeración aínda tan descoñecida para o conxunto de galegas e galegos " indicou María Muíño.