Seiscentos escolares da provincia participarán na Campaña da Neve da Deputación da Coruña
Ata o 16 de decembro está aberto o prazo de inscrición para participar nas viaxes á estación invernal de Valgrande-Pajares, en Asturias
Os participantes gozarán de catro días para facer cursos de esquí e actividades complementarias
Realizaranse seis quendas diferentes entre o 13 de xaneiro e o 17 de febreiro
Seiscentos escolares dos concellos da provincia participarán en xaneiro de 2023 na Campaña da Neve da Deputación da Coruña, que se desenvolverá na estación invernal de Valgrande-Pajares, en Asturias.
A actividade está dirixida a rapaces e rapazas empadroados nos concellos da provincia da Coruña, de entre 11 a 15 anos de idade. As viaxes inclúen transporte, estadía e manutención, así como supervisión de monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto das actividades programadas. As inscricións están abertas ata o 16 de decembro nos concellos. A viaxe terá un custo de 85 euros.
Con esta campaña, a Deputación pretende "que os rapaces e rapazas da provincia da Coruña poidan iniciarse ou perfeccionar as súas habilidades no esquí, ao mesmo tempo que participan noutras iniciativas deportivas e culturais organizadas de xeito complementario", indicou a deputada de Deportes, Cristina Capelán.
Establécense un total de 6 quendas diferentes, entre o 13 e o 17 de xaneiro.
Do 13 ao 16 de xaneiro poderán ir os rapaces de Ares, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.
Entre o 20 e o 23 de xaneiro: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Cerceda, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas.
Do 27 ao 30 de xaneiro: de Boiro, Brión, Dodro, Lousame, Mazaricos, Muros, Negreira, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois.
Do 3 ao 6 de febreiro: A Baña, Ames, Boqueixón, Ordes, Oroso, O Pino, Santiago de Compostela, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.
Do 10 ao 13 de febreiro: Abegondo, Aranga, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Cabanas, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, Santiso, Sobrado, Toques, Vilarmaior e Vilarsantar.
Do 17 ao 20 de febreiro: Arteixo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada.