Estás en:Novas

A Deputación destina 135.000 euros para financiar o programa de mantemento físico e cognitivo das persoas usuarias do complexo xerontolóxico de Padre Rubinos

Valentín González Formoso e o presidente da institución benéfico social, Eduardo Aceña, asinaron esta mañá o convenio

O programa inclúe actividades terapéuticas, cognitivas e de dinamización que procuran garantir un envellecemento activo e mellorar a calidade de vida dos usuarios

A Deputación destina 135.000 euros para financiar o programa de mantemento físico e cognitivo das persoas usuarias do complexo xerontolóxico de Padre Rubinos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o seu homólogo da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos, Eduardo Aceña, asinaron o convenio para o financiamento do programa de mantemento físico e cognitivo das persoas usuarias do complexo xerontolóxico da entidade. Ao acto asistiu tamén a deputada de Benestar Social, Ana Lamas.

O programa conta cun orzamento de 169.146,69 euros, dos que a Deputación achega 135.317,35 euros, o 80% do total, e procura garantir ás persoas usuarias un envellecemento activo á vez que se mellora a súa calidade de vida.

Os obxectivos principais son: previr e adaptarse ao estado de saúde das persoas usuarias, crear espazos terapéuticos nos que se sintan seguras e o pasen ben, evitar que a pasividade se instale, organizar e integrar actividades nas súas rutinas diarias e fomentar a independencia e a autonomía.

Para iso desenvólvense diferentes actividades, algunhas do ámbito terapéutico, como ximnasia, música e movemento, paseos ou máquinas biosaudables; outras son cognitivas e de rehabilitación neuropsicolóxica, como o obradoiro de prensa, o club de lectura ou as tardes audiovisuais; e tamén as hai de dinamización como xogar aos bolos, ao bingo, talleres de manualidades ou de pintura.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia de "apoiar, desde as administracións públicas, este tipo de iniciativas sociais que permiten, a través de diferentes institucións, chegar a cubrir necesidades e demandas moi diversas".