Estás en:Novas

A Deputación participa na entrega de diplomas dos primeiros cursos formativos do coworking A Fusquenlla de Moeche

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asistiu ao acto xunto coa alcaldesa de Moeche e outros alcaldes da zona 

A Deputación participa na entrega de diplomas dos primeiros cursos formativos do coworking A Fusquenlla de Moeche

A Nave do Mercado de Moeche acolleu esta mañá o acto oficial de clausura dos dous cursos impartidos até o momento no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, un dos once centros da Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña, nos que participaron un total de 33 persoas co obxectivo de formarse na preparación de conservas e zumes, ademais de aprender o manexo do equipamento dispoñible nas instalacións.

No encontro entregáronse os diplomas correspondentes ás accións formativas, coa asistencia dunha representación de todas as administracións implicadas no proxecto dun modo ou doutro: os concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño, a Deputación da Coruña e a Consellería do Medio Rural. Todas elas ratificaron o seu compromiso de seguir apoiando esta iniciativa pioneira na comarca, que agora, de cara a 2023, ten marcada a prioridade de empezar a funcionar de maneira autoxestionada e de ofrecer máis cursos, para os que hai nestes momentos 43 persoas en lista de agarda. 

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, insistiu en que a Deputación da Coruña seguirá colaborando nun proxecto "que se identifica coa calidade dos nosos produtos, coa nosa terra e co noso modo de vida no entorno rural". Rioboo lembrou, ademais, que A Fusquenlla forma parte da rede de espazos de traballo colaborativo da Deputación e que, nese marco, a intención do seu departamento é continuar proporcionando recursos "para máis formación ou para emprendemento".

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, referiuse tamén á posta en marcha do centro, "que non sería posible sen a unión dos concellos e sen o financiamento da Deputación, dos fondos Leader e da AGACAL". "Son moitos pasos os que hai que dar e é difícil, pero é unha oportunidade e unha aposta real pola xente do rural", dixo a rexedora. Bascoy reiterou a felicitación ás persoas participantes nos cursos realizados durante o verán e comezos do outono e convidounas a sumarse cos seus produtos ao mercado que se desenvolve os sábados en San Ramón, "un mercado pequeniño pero que xa leva cinco anos funcionando con produto de proximidade".