A Deputación impulsa o I Premio ‘Xoán Vicente Viqueira’ de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación
O prazo para presentar candidaturas remata o 31 de xaneiro ás 14 horas
Hai tres categorías diferentes, dotadas con 6.500 euros de premio para cada unha delas
A deputada de Educación, Sandra González, presentou o premio xunto coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a presidenta do Instituto Xoan Vicente Viqueira, Isabel Lema Blanco, e o presidente de honra do Instituto Xoan Vicente Viqueira, Ricardo García Mira
A Deputación da Coruña publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a apertura do prazo para presentar candidaturas ao I premio 'Xoan Vicente Viqueira', de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación.
As bases, que foron realizadas conxuntamente co Instituto de Estudios e Investigación Psicosocial Xoan Vicente Viqueira grazas á mediación do Concello de Bergondo, municipio onde residía o escritor, establecen que se poderán presentar as candidaturas, de xeito telemático a través de SUBTEL, ata o 31 de xaneiro ás 14 horas.
A deputada de Educación, Sandra González, que presentou o premio xunto coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a presidenta do Instituto Xoan Vicente Viqueira, Isabel Lema Blanco, e o presidente de honra da entidade, Ricardo García Mira, destacou "a importancia de Viqueira, ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1974, para o desenvolvemento do pensamento filosófico e o progreso da educación en Galicia" e definiu este certame como "unha aposta por recoñecer o traballo que fan persoas ou institucións nun eido de tanta transcendencia como o das ciencias sociais e humanidades".
Ricardo García Mira agradeceu o apoio da Deputación e do Concello de Bergondo "para sacar adiante este certame, que permitirá, baixo o nome de Viqueira, poñer de relevancia a labor, ás veces escura, que se fai na investigación social".
Pola súa parte, Alejandra Pérez Máquez cualificou ao escritor como "un dos nosos veciños máis ilustres e un adiantado ao seu tempo, defendendo a galeguización do ensino, a incorporación plena da muller e outras reformas no sistema educativo".
Tres premios de 6.500 euros
A Deputación convoca a primeira edición do premio 'Xoan Vicente Viqueira' en memoria do filósofo, psicólogo e escritor Xoan Vicente Viqueira Cortón, que naceu en Madrid pero viviu ata os 12 anos en Vixoi (Bergondo) e que desenvolveu investigacións no eido do pensamento filosófico e apostou polo progreso da educación, sempre co galego por bandeira.
O obxectivo deste certame é o de recoñecer a actividade de investigación e innovación levada a cabo por persoas ou entidades que teñan destacado no ámbito das ciencias sociais e humanidades.
Así, poderán presentar candidaturas todas as persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades de investigación e innovación no ámbito das ciencias sociais e humanidades, as persoas que formen parte do xurado ou calquera socio do Instituto Xoan Vicente Viqueira. Nas candidaturas poderán propoñer a calquera persoa ou entidade ligada a proxectos que se desenvolvan ou relacionen coa investigación e innovación no ámbito das ciencias sociais e humanidades e que teñan a súa residencia ou sede social no territorio español, non se admiten autocandidaturas.
Establécense tres premios, dotados de 6.500 euros cada un deles, para cada unha das seguintes modalidades, sempre nos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social: á traxectoria de vida ao longo dos últimos 30 anos, a innovación científica e aa calidade dun traballo de investigación realizado por unha persoa investigadora nova.
Podes consultar as bases completas na seguinte ligazón: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2022/12/07/2022_0000007710.pdf