A Deputación aproba un investimento de 647.220 euros para a mellora da seguridade viaria en Bermún, Cee
As obras suporán unha importante mellora da seguridade para a veciñanza e para o alumnado a escola infantil
A actuación inclúe a construción dunha rotonda, a mellora e ampliación das beirarrúas e a renovación dos servizos
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o proxecto para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-2303 en Bermún, no Concello de Cee, que conta cun investimento de 647,220,11 euros.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou a principios de ano a zona acompañado da alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, para avaliar o impacto que terá esta mellora para os veciños e veciños do lugar e tamén para os usuarios e usuarias da escola infantil situada nesta zona.
Por unha banda, a actuación inclúe a mellora dos itinerarios peonís, acondicionando as beirarrúas existentes e ampliándoas ata os dous metros. Ademais, renovarase o pavimento da senda de aglomerado existente e prolongarase esta cara o sur, ata o cruce coa estrada AC-552, e cara o norte, neste caso por ambas marxes da vía, construíndo dúas sendas de 2 metros de ancho ata a finalización do núcleo de Bermún, dotándose na marxe esquerda dunha banda de aparcamentos en liña.
En canto ao tráfico, construirase unha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 metros de diámetro interior para facilitar as diferentes manobras e provocar unha importante diminución da velocidade á que pasan os vehículos actualmente por esta zona poboada.
Por último, mellorarase a drenaxe do tramo que vai do PK 11+000 ao PK 11+200 coa instalación dunha cuneta de seguridade dotada de sumidoiros e tubaxe de pluviais para evitar a acumulación de auga na vía. As obras completaranse coa renovación da sinalización tanto vertical como horizontal.
A alcaldesa, Margarita Lamela, destacou a importante mellora que esta obra demandada polo concello suporá para a mellora da seguridade na zona e agradeceu o compromiso do presidente para acometer esta importante actuación.
Lamela destacou tamén que o Concello de Cee inviste, a través do Plan Unico, 102.000 euros na mellora do servizo de abastecemento de auga á veciñanza da zona.