A Deputación aproba un investimento de 325.879 euros para evitar as inundacións na estrada de Narón ao Val por Castro
As obras, aprobadas no pleno de hoxe, permitirán instalar un novo sistema de drenaxe para mellorar a seguridade nesta estrada
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o proxecto de renovación da rede de recollida de pluviais e drenaxe da estrada provincial DP 5401 de Narón ao Val por Castro, unhas obras que suporán un investimento de 325.879 euros para rematar coas continuas inundacións que sofre a vía debido ao mal estado do actual sistema de drenaxe, o que supón un perigo para a circulación nos días de choivas intensas.
As obras desenvolveranse nun tramo de 1,4 quilómetros entre os puntos quilométricos 0+560 e 1+960, onde se levará a cabo a limpeza e apertura de cunetas, o perfilado dos taludes e a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais con tubaxe de pvc, con sumidoiros e pozos de rexistro e capacidade suficiente para captar a escorrentía de augas da calzada.
As obras contemplan tamén o pavimentado da calzada e a reposición da sinalización horizontal e vertical.
O prazo de execución é de cinco meses a partir do inicio das obras.