A Deputación aproba un investimento de 758.132 euros para a construción de novas beirarrúas en San Xoán de Vilanova (Miño)
Demoleranse as beirarrúas actuais, moi deterioradas, para substituílas por unha senda de un quilómetro de lonxitude e renovarase o firme da estrada DP 4802 en todo o tramo
A Deputación da Coruña investirá 758.132 euros nas obras de mellora da seguridade da estrada provincial DP- 4802 ao seu paso polo núcleo de San Xoán de Vilanova, no termo municipal de Miño. O proxecto vén de ser aprobado por unanimidade no pleno ordinario de hoxe, o último do presente ano.
Trátase dunha zona de solo urbano con beirarrúas elevadas de baldosa hidráulica que, debido ao paso do tempo, presentan un estado de deterioro importante e limitacións en canto a seguridade e accesibilidade, polo que se proxecta a demolición das mesmas e a execución de novas beirarrúas sen borde a nivel da calzada e separada desta mediante un caz de formigón, adaptándoas á tipoloxía de sendas empregada habitualmente pola Deputación coas que se logra mellorar a accesibilidade e a integración no medio.
A senda executarase en formigón coloreado e terá unha anchura de entre 1,50 e 2 metros, segundo o tramo.
As obras contemplan ademais a renovación da capa de rodaxe da estrada entre os puntos quilométricos 1+971 e 2+978 e a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais para evitar as acumulacións de auga na calzada.