A Deputación da Coruña e o Concello de Carballo investirán 2,4 millóns na terceira e última fase das obras da travesía de Sísamo
A Deputación destina 1.789.000 euros á execución das obras e Carballo 652.006 euros para financiar servizos como saneamento e abastecemento de auga, mobiliario urbano e xardinería
A Deputación delega a contratación e execución das obras no Concello de Carballo
As obras seguirán a mesa liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas e dotación de servizos urbanos
Tal como comprometera o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Asociación de Veciños de Sísamo na súa última visita ao municipio, a institución provincial financiará en 2023 a terceira e última fase das obras da travesía de Sísamo.
O proxecto vén de ser aprobado no pleno de hoxe e suporá un importante investimento de 2,4 millóns de euros, dos que a Deputación achegará 1.789.000 euros para a execución das obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento na estrada provincial DP 1901 Carballo-Sísamo, mentres que o Concello de Carballo financiará con 652.006 euros a dotación de servizos como saneamento e abastecemento de auga, instalación de mobiliario urbano e xardinería.
As obras de reurbanización parten do punto quilométrico 0+810 (final da segunda fase) no entronque co acceso ao instituto de Monteneme e continúan até o final da vía no lugar de Outeiro (PK 2+570), mellorando e completando as infraestruturas tanto no tramo máis urbano coma no rural e adaptando a vía á mobilidade urbana a un ou dous niveis, dependendo da zona.
As obras seguirán a mesa liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas de baldosa hidráulica cun ancho medio de 1,40 metros e dotación de servizos urbanos como saneamento e abastecemento de auga e alumeado con luminarias de LED de aceiro inoxidable
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o investimento total das tres fases (2,7 millóns de euros de fondos provinciais e 652.000 do Concello de Carballo) farán desta obra un dos investimentos máis importantes acometidos pola Deputación na rede provincial de estradas nos últimos anos.
"Con esta obra cumprimos o compromiso adquirido co alcalde e coa veciñanza de Sísamo, que demandaba completar as obras da travesía ata o final da estrada, no lugar do Outeiro, o que ten todo o sentido do mundo", afirmou Formoso.
Pola súa banda, o alcalde Carballo, Evencio Ferrero expresou a súa satisfacción polo cumprimento desta vella demanda da veciñanza de Sísamo, ademais de manifestar a disposición do goberno municipal a seguir colaborando coa Deputación da Coruña na mellora da ampla rede de estradas provinciais que discorren polo municipio carballés.
O investimento articúlase a través de dous convenios de colaboración entre a Deputación e o Concello de Carballo, que hoxe asinaron o presidente Valentín González Formoso, e o alcalde, Evencio Ferrero, en presencia do vicepresidente Xosé Regueira e o deputado de Obras, José Manuel Pequeño.
Nos convenios delégase a contratación e execución das obras no Concello de Carballo e establécense as cantidades económicas a aportar por cada administración e o obxecto das mesmas, así como a cesión da titularidade da travesía ao Concello unha vez rematados os traballos.