Estás en:Novas

Lei de fomento do ecosistema das empresas emerxentes

XEFATURA DO ESTADO

Lei 28/2022, do 21 de decembro, de fomento do ecosistema das empresas emerxentes

https://www.boe.es/boe/dias/2022/12/22/pdfs/BOE-A-2022-21739.pdf

Artigo 14. Fomento da compra pública innovadora para empresas emerxentes.
1. O Goberno incluirá no Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación previsto na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, os plans de cada ministerio e organismo público vinculado ou dependente da Administración Xeral do Estado, para a compra pública de innovación, tanto para a compra pública de tecnoloxía ou procesos innovadores como para a compra pública pre-comercial, á que se refire o artigo 8 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, e os créditos destinados ao seu financiamento.
Anualmente, darase conta ao Consello de Ministros da execución dos plans de compra pública innovadora e da avaliación dos seus resultados.
2. As administracións públicas terán en conta as características das empresas emerxentes ao precisar os requisitos de solvencia económica e técnica das empresas participantes en procedementos de compra pública innovadora e de compra pública pre-comercial, réxanse ou non pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, para non crear obstáculos á súa participación na licitación.
Así mesmo, realizarán pagos parciais sempre que a execución do contrato poida dividirse en diversas fases de execución.
3. Nos pregos de cláusulas administrativas valorarase a inclusión de requisitos de capacidade e solvencia, e criterios de adxudicación que faciliten o acceso en condicións de igualdade ás empresas emerxentes situadas en zonas escasamente poboadas. Promoverase, a través da incorporación de requisitos e características específicas sociais e ambientais que redunden na mellora do medio rural, propiciando as adquisicións de proximidade, a utilización de produtos locais, ecolóxicos, e igualmente a xestión forestal sostible, as enerxías renovables e o aforro enerxético, sempre que se respecten os principios de concorrencia, igualdade e non discriminación da contratación pública.
4. Nos pregos de cláusulas administrativas poderase establecer que a titularidade dos dereitos de propiedade intelectual derivados do desenvolvemento do obxecto do contrato será compartida a partes iguais pola Administración contratante e a empresa emerxente adxudicataria.