Estás en:Novas

A Deputación apoia o proxecto ‘Con voz de muller’ do Concello de Ortigueira, que narra a historia da vila a través da memoria das mulleres

A colección de libros pretende recuperar, dar a coñecer enxalzar a contribución feminina ao desenvolvemento da vila a través da recompilación de imaxes e vivencias persoais e familiares

Formoso destacou "o gran valor etnográfico da publicación", que recupera a historia das distintas parroquias do municipio a través da visión das mulleres

Este ano editarase un novo volume dedicado a Ladrido

A Deputación apoia o proxecto ‘Con voz de muller’ do Concello de Ortigueira, que narra a historia da vila a través da memoria das mulleres

A Deputación da Coruña apoia o programa "Con voz de muller", impulsado polo Concello de Ortigueira co obxectivo de poñer en valor a contribución das mulleres ao desenvolvemento do municipio.

A través dunha ampla colección de libros editados pola imprenta provincial, cada un deles dedicado a unha parroquia de municipio, a iniciativa pretende recuperar, dar a coñecer e enxalzar a contribución feminina ao desenvolvemento de Ortigueira a través da recompilación de imaxes e vivencias persoais e familiares das veciñas, que quedan plasmadas nun libro para que estas memorias trascendan ás futuras xeracións.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou "o gran valor etnográfico" da publicación, que recupera a historia das distintas parroquias a través da visión das mulleres. "Para nós é un orgullo poder colaborar co Concello de Ortigueira nun proxecto tan bonito, que busca recuperar e preservar a memoria da vila a través da memoria das mulleres, protagonistas de labores moitas veces invisibles socialmente, pero fundamentais na construción da Galicia e da Ortigueira que hoxe coñecemos".

Pola súa banda, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, agradeceu a colaboración das veciñas que contribúen coas súas vivencias persoais a familiares a "contar a historia viva de Ortigueira" e destacou que o goberno municipal pretende continuar este fermoso proxecto levándoo a cada unha das parroquias do municipio e incorporando tamén as voces dos homes.

Ata o de agora, a Deputación da Coruña e Concello de Ortigueira publicaron os volumes dedicados de Loiba, San Claudio, Espasante, Mera, San Adrián de Veiga e Couzadoiro, e neste 2023 está previsto publicar un novo volume da colección "Con voz de muller", que terá como protagonistas ás mulleres da parroquia de Ladrido.

Nos libros, as mulleres narran en primeira persoa: como era e como é hoxe a vida no rural, os traballos no campo ou no mar, os xogos e festas tradicionais, a escola, os tempos de escaseza e dificultades, a emigración, a vida en comunidade ou os traballos das mulleres.