Estás en:Novas

Abre o prazo de propostas de candidaturas para os Premios do Deporte da Deputación da Coruña

Os galardóns buscan distinguir publicamente a deportistas e entidades que destaquen pola súa traxectoria, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva

Establécense 12 categorías diferentes e o prazo de presentación de candidaturas comprende desde hoxe ata o 31 de xaneiro

Abre o prazo de propostas de candidaturas para os Premios do Deporte da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña abriu hoxe o prazo para propor candidaturas á primeira edición dos Premios do Deporte que convoca a institución provincial para recoñecer as persoas e entidades da provincia que destaquen pola súa traxectoria logros deportivos ou pola  súa contribución ao fomento da práctica deportiva.

Poderán presentar candidaturas todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan relación ou estean interesadas na práctica ou promoción do deporte. Poderanse presentar cantas candidaturas se desexen, sempre que non sexa máis de unha por categoría, e admitiranse as autocandidaturas.

Ademais, as persoas que formen parte do xurado, que estará presidido pola deputada de Deportes, Cristina Capelán, e integrado por cinco xornalistas de recoñecido prestixio e traxectoria na información deportiva, poderán tamén facer propostas de candidaturas ao resto dos membros do xurado.

Establécense 12 candidaturas diferentes de premios: Mellor deportista masculino, Mellor deportista feminina, Mellor deportista veterano masculino, Mellor deportista veterana feminina, Mellor deportista promesa masculino categoría base, Mellor deportista promesa feminina categoría base, Mellor deportista con diversidade funcional masculino, Mellor deportista con diversidade funcional feminina, Mellor adestrador, Mellor árbitro/a xuíz/a, Mellor entidade colaboradora e Premio a toda unha vida dedicada ao deporte.

Nas propostas valoraranse os logros e éxitos deportivos dos e das aspirantes nas diferentes categorías, así como a promoción dos valores deportivos (autosuperación, constancia, respecto, igualdade, traballo en equipo, xogo limpo...) ou a promoción e apoio a deporte na provincia.

Ademais, o xurado resérvase o dereito de realizar ata catro mencións, sempre que o considere oportuno, para aquelas persoas ou entidades que desenvolvesen unha actuación no ámbito do deporte digna de ser destacada a nivel provincial.

Os premios consisten nun galardón conmemorativo e un diploma acreditativo, ademais do recoñecemento social que a Deputación promoverá a través dos medios de comunicación e das súas redes sociais.

O prazo de presentación de solicitudes iníciase hoxe luns, 16 de xaneiro de 2023, e remata o martes 31 de xaneiro, ás 14 horas. As propostas tramitaranse sempre de xeito telemático a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación da Coruña (Subtel).

O ente provincial traballa xa na organización dunha Gala do Deporte na que se convidará as persoas e entidades participantes e na que se fará pública a concesión dos premios, facendo entrega de todas as distincións ás persoas e entidades galardoadas.