A Deputación da Coruña e CEGASAL alíanse para apoiar a inclusión laboral das persoas con discapacidade
Valentín González Formoso inaugurou hoxe no Teatro da Beneficencia de Ortigueira unha xornada e unha exposición fotográfica sobre a inclusión laboral que percorrerá distintos municipios da provincia
O presidente destaca a importancia de apostar pola integración no mercado laboral das persoas con diversidade funcional e destaca as máis de 2.100 persoas contratadas por CEGASAL nos seus centro especiais de emprego
A Deputación da Coruña e CEGASAL (Asociación de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) deron comezo hoxe no Teatro da Beneficencia de Ortigueira a unha mostra fotográfica itinerante que visibiliza a realidade laboral das persoas con discapacidade.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, e o presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez Freire, inauguraron hoxe esta exposición, obra do fotógrafo coruñés Diego Silva, que percorreu ao longo de dous anos e medio os centros especiais de emprego da entidade para plasmar coa súa cámara a actividade diaria destes profesionais.
No acto, Formoso expresou "a gran admiración que sentimos polo traballo destas entidades, como CEGASAL ou outras aquí presentes como COGAMI", e destacou "a súa capacidade de incorporar ao mundo laboral a tantas persoas, durante tantos anos e en distintos sectores, sen ningún tipo de discriminación, dunha maneira realista, con integración real nos mercados, con calidade, nas mesmas condicións ca o resto". "É de admirar o seu crecemento e a maneira sensible coa que o fan, sabendo ler as necesidades do futuro, sabendo encaixar todas as pezas", afirmou.
Formoso fixo fincapé no caso concreto de CEGASAL, que "a data de hoxe, ten a máis de 2.100 persoas contratadas nos centros especiais de emprego que teñen vencellados" e confesou que "canto máis me achego a CEGASAL máis aprendo e máis me apetece implicarme".
"As fotografías que hoxe vemos teñen caras, teñen nomes e apelidos, e polo tanto son familias que están agradecidas desta forma de actuar, de pensar e de implicarse que fala moi ben deste país. Se Galicia ten algunhas bandeiras que poida ondear con orgullo, a da integración laboral de CEGASAL é unha delas", salientou.
Pola súa parte, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, remarcou a importancia de levar a cabo este tipo de accións para "sensibilizar á poboación e concienciar ás administracións e empresarios e empresarias da dificultade que ten para certas persoas acceder ao mercado laboral nunhas condicións igualitarias e de calidade" e expresou o seu desexo de que "nun futuro non sexan necesario actividades como esta e que a igualdade forme parte real do ADN da nosa sociedade".
O presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez Freire, quixo dar as grazas "á iniciativa da Deputación da Coruña e, persoalmente, ao seu presidente, de facer o que estamos facendo, toda unha ruta pola provincia vendo realidades das persoas con discapacidade"
A xornada incluíu tamén unha xornada sobre 'contratación socialmente responsable', formada por unha mesa de traballo titulada 'A reserva de contratos a centros especiais de emprego de iniciativa social como instrumento para o impulso do emprego das persoas con discapacidade' e unha mesa redonda para falar da 'Calidade e profesionalidade dos centros especiais de emprego de iniciativa social. A reserva de contratos e outras cláusulas sociais a favor do emprego das persoas con discapacidade".
Un altofalante formado por 24 imaxes
A mostra fotográfica de Diego Silva, que estará ata o 24 de xaneiro en Ortigueira e que despois se desprazará a outras localidades (polo momento están confirmadas Carballo, A Pobra do Caramiñal e Arteixo, está formada por 24 imaxes, máis de 24.000 palabras, para sacar do silencio a capacidade laboral das persoas con discapacidade.
A exposición é unha iniciativa máis dentro da filosofía de CEGASAL, apoiada pola Deputación da Coruña, de fomentar o traballo de calidade para as persoas con discapacidade e en situación de risco de exclusión social. As traballadoras e traballadores que protagonizan esta mostra son o exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial inclusiva, que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico.
Cumprindo vinte e cinco con moi bos resultados
CEGASAL cumpriu no ano 2022 os 25 anos da súa creación e conseguiu que o 96% dos traballadores dos 32 centros especiais de emprego que representan sexan persoas con discapacidade. O obxectivo que se marcan para os próximos anos é o de aumentar a taxa de creación de emprego un 20%, é dicir, xerar 400 postos de traballo máis.
Na actualidade, os centros especiais de CEGASAL, no seu conxunto, facturan máis de 44 millóns de euros e dan emprego ao redor de 2.100 persoas con discapacidade.