A Deputación promociona ‘A provincia que sabe’ en Madrid Fusión, o encontro global especializado en alta gastronomía
A área provincial de Turismo continúa coa súa aposta pola promoción de produtos de calidade que conforman a cadea gastronómica da provincia, baixo parámetros sustentables e de compromiso co territorio
Por primeira vez, a Deputación da Coruña contará cun stand en Madrid Fusión, o congreso especializado en alta gastronomía e dirixido a público profesional que terá lugar en IFEMA entre o 23 e o 25 de xaneiro
Tamén promove un showcooking para prescriptores e prensa especializada no restaurante Xeito!19'20", a cargo dos cociñeiros coruñeses Iván Domínguez e Moncho Méndez
. A Deputación da Coruña, a través da área de Turismo, continúa coa súa aposta pola promoción de todos os elos que conforman a cadea gastronómica e que, baixo parámetros de calidade e sustentabilidade, se agrupan baixo o selo 'A provincia que sabe'. Así, e por primeira vez, o ente provincial participará cun posto en Madrid Fusión, o congreso global especializado en alta gastronomía que reunirá a público profesional en Madrid a vindeira semana, entre o luns 23 e o mércores 25.
O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira indica que participar en Madrid Fusión "é unha oportunidade para que produtores e cociñeiros da provincia incrementen os seus contactos nun sector do mercado moi exclusivo, máis tamén para que os profesionais que participan no congreso poidan testar a calidade e a competitividade dos nosos produtos e da nosa cociña". Ao igual que en anteriores feiras gastronómicas, a Deputación aposta pola presenza directa de produtores no posto institucional. Nesta ocasión, estarán presentes a Asociación de Profesionais do Percebe da Barca (Muxía), A Conserveira (A Pobra do Caramiñal), La Despensa D'Lujo (Coristanco), Costumes Galicia Empanada Artesá (Carballo), Queixería Galmesán (Arzúa) e Choiva Viños (viños da I.X.P. Betanzos e da I.X.P. Barbanza e Iria).
Paralelamente, o luns 23 ás 19h, terá lugar unha demostración de cociña en vivo (showcooking) no madrileño restaurante Xeito!19'20", a cargo dos cociñeiros coruñeses Iván Domínguez, do restaurante NaDo e socio de Xeito, e Moncho Méndez do restaurante Millo e elixido 'Cociñeiro Galego do Ano'. Esta demostración de cociña en vivo (showcooking) estará dirixida a prescritores e prensa especializada en gastronomía.
Madrid Fusión, que leva xa 20 edicións celebradas, é considerada como a gran cita anual para gastrónomos de todo o mundo e é o espazo onde se amosan as tendencias e as vangardas neste ámbito. O programa desta edición inclúe relatorios de cociñeiros de gran prestixio mundial como o madrileño Dabiz Muñoz presentado baixo o epígrafe "Profeta na súa terra", o italiano Massimiliano Alajmo co título "Cociña no ADN", o xaponés Takayoshi Watanabe con "O perfeccionista do peixe", ou Poul Andrias Ziska desde Islas Feroe presentado como "O chef máis remoto".