Estás en:Novas

A Deputación destina 2,1 millóns de euros á conservación de estradas provinciais nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal

As actuacións están enmarcadas no Plan de conservación de vías provinciais, que conta cunha partida orzamentaria de máis de 10 millóns de euros

Investiranse 982.000 euros na comarca do Ortegal, 917.000 euros na de Ferrol e na zona do Eume achegaranse 256.000 euros

A Deputación destina 2,1 millóns de euros á conservación de estradas provinciais nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal

 

A Deputación vai destinar, neste ano 2023, 2.156.395 euros para realizar obras de conservación de estradas provinciais nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, pertencentes ao Plan de conservación de vías provinciais, que conta cunha partida orzamentaria de máis de 10 millóns de euros nesta primeira fase.

O plan contempla a execución de traballos de mantemento, reparación do firme e pavimentación de estradas da rede viaria da Deputación, destinadas a mellorar as condicións de circulación, aumentar a seguridade viaria e reducir a súa perigosidade.

A maior parte dos investimentos destinaranse á renovación de firmes e capas de rodadura, así como á renovación da sinalización vertical e horizontal, mentres que a apertura e limpeza de cunetas e a instalación de defensas viarias ou obras de drenaxe, supoñen arredor do 15% dos investimentos.

Comarca do Ortegal

Na comarca de Ortegal, as actuacións divídense en catro proxectos diferentes, sumando un total de 982.002 euros. No Concello de Ortigueira realizaranse actuacións por valor de 298.702 euros; no municipio de Cariño o orzamento elévase ata os 243.445 euros; en Mañón e As Pontes a cifra total é dos 173.405 euros, e en Cedeira, Cerdido e Valdoviño investiranse 266.450 euros.

Comarca de Ferrol

Na comarca de Ferrol realizaranse investimentos por valor de 917.811 euros. En Ferrol e Narón destinaranse 383.893 euros a Moeche, San Sadurniño e As Somozas 318.773 euros e nos municipios de Ares, Fene, Mugardos e Neda achegaranse 215.145 euros.

Comarca do Eume

O investimento para a zona do Eume elévase ata os 256.582 euros, repartidos nos municipios de Cabanas, Miño, Paderne e Pontedeume.