Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e Concello de Fisterra invisten 340.165 euros nas obras de rehabilitación do polideportivo municipal

Valentín González Formoso e o alcalde, José Marcote, asinaron hoxe o convenio polo que a institución provincial aporta o 80% do orzamento total da obra

As obras suporán unha renovación completa da infraestrutura, incluíndo a cuberta, a estrutura e a fachada

A Deputación da Coruña e Concello de Fisterra invisten 340.165  euros nas obras de rehabilitación do polideportivo municipal

A Deputación da Coruña destina 272.000 euros para financiar o proxecto de rehabilitación do Polideportivo Municipal do Concello de Fisterra.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Fisterra, José Marcote, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial achega 272.133 euros, o 80% do orzamento total, que ascende a 340.165 euros.

A execución dos traballos consistirán na renovación da cuberta, a estrutura e a fachada do pavillón para garantir a súa estabilidade no futuro e mellorar as súas condicións coa fin de incrementar a súa durabilidade.

O proxecto contempla o levantamento da cuberta e das fachadas metálicas, a limpeza e a colocación de proteccións da estrutura, o pintado con materiais de protección anticorrosión, a reposición do pavimento e da fábrica demolida, a colocación dunha nova cuberta e fachada metálicas e a instalación de novos canalóns e baixantes de pluviais.

"Con esta achega da Deputación vaise renovar completamente unha infraestrutura moi importante para o Concello de Fisterra, mellorando unhas instalacións moi utilizadas pola veciñanza e facilitando o acceso á práctica deportiva no municipio", destacou o alcalde, José Marcote, que anunciou que axilizarán a licitación das obras para acometelas no menor tempo posible.