Poetas, fotógrafos, artesás, escritores e debuxantes subirán este venres ao escenario do Colón na Gala de Premios Culturais da Deputación
A Gala dará comezo ás 19h, con entrada de balde ata completar a capacidade, estará conducida pola xornalista Marga Pazos e contará coa actuación da contadora Carmen Conde e coa música de Antía Muíño
A luz, simbólica e fisicamente, volverá ser o fío condutor dun evento que estará encabezado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e polo deputado de Cultura, Xurxo Couto
Unha ducia de creadores e creadoras e representantes de entidades subirán este venres ao escenario do Teatro Colón na Gala de entrega dos Premios Culturais da Deputación. Serán a poeta Yolanda Castaño, os escritores Lois Pérez e Amador Castro, o grupo Mallou, as artesás Carmen Riveiro e Verónica Moar, a artista gráfica Myriam Gesalaga, os debuxantes e guionistas de banda deseñada Siqi Luis Yang, Uxía Larrosa e Francisco Pérez Villanueva, o fotógrafo Brais Lorenzo, e as representantes da Comisión de Igualdade do Ceip Barouta e da Federación de Redeiras Artesás O Peirao, todos eles premiados e premiadas nos certames que a área provincial de Cultura convocou en 2022.
A Gala de entrega dos Premios Culturais da Deputación será un acto aberto ao público e a entrada será de balde ata completar a capacidade. As portas do Teatro Colón abrirán ás 18:30h para que todas as persoas que o desexen poidan tamén pasar polo fotocol que se instalará no vestíbulo e que, ao igual que o pasado ano, volverá ter a luz como elemento simbólico e físico. Deste xeito, un ano máis, a luz volverá acadar protagonismo nunha escenografía creada por Sísmica Creativa, co obxecto de manter o simbolismo da luz que a Cultura achega á sociedade a través das diferentes manifestacións artísticas.
O evento, que estará conducido pola xornalista Marga Pazos, contará coa participación institucional do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e do deputado de Cultura, Xurxo Couto. Ademais incluirá a música de Antía Muíño e unha actuación da contadora Carmen Conde.
Todas as persoas premiadas recibirán a escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta para a Deputación da Coruña: un 'C' realizado en aceiro que representa o 'C' de Cultura e o 'C' de Coruña, e que é suxeitado na base por siluetas que representan as persoas que sosteñen e que elevan a Cultura.