Estás en:Novas

Turismo da Deputación da Coruña destina 1.800.000 euros á mellora da calidade e competitividade do sector en 2023

Entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios poderán acceder a axudas de ata 150.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de febreiro

Turismo da Deputación da Coruña destina 1.800.000 euros á mellora da calidade e competitividade do sector en 2023

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña vén de publicar a convocatoria do programa de subvencións dirixido a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia da Coruña en 2023. O departamento provincial de Turismo investirá este exercicio 1.800.000 de euros, cunha achega máxima de 150.000 euros por beneficiario. O prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de febreiro.

Entre os criterios de valoración están o número total de prazas de aloxamento en establecementos, a poboación residente no territorio, os festexos declarados de interese turístico galego ou estatal que se desenvolvan no ámbito do proxecto ou o emprego da lingua galega nas actividades.

«Desde a área de Turismo da Deputación da Coruña traballamos man a man cos entes de xestión para a promoción dos distintos xeodestinos con liñas de actuación conxuntas que aproveiten os recursos para a promoción dos distintos destinos da provincia», sinala o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, para quen a colaboración co sector é fundamental para traballar conxuntamente.

En 2022 foron case unha vintena as entidades que recibiron estas axudas da Deputación; entre elas, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, a Asociación Profesional de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, a Asociación de Desenvolvemento Rural As Mariñas-Betanzos ou a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas.

Tanto as solicitudes como o resto da tramitación desta convocatoria realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación.