Estás en:Novas

A Deputación convoca o programa de axudas para eventos de pintura mural urbana en 2023

O departamento provincial de Turismo investirá este ano 150.000 euros, cunha achega máxima de 35.000 por concello. O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de marzo

A Deputación convoca o programa de axudas para eventos de pintura mural urbana en 2023

O departamento de Turismo da Deputación da Coruña investirá este ano 150.000 euros no seu programa de subvencións dirixido a concellos para a realización eventos de arte pública urbana na modalidade de pintura mural. A achega máxima por beneficiario é de 35.000 euros e o prazo de presentación de solicitudes rematará o 10 de marzo.

Poderán acceder ás axudas os concellos coruñeses que desenvolvan en 2023 programas ou eventos de arte urbana, cun mínimo de dúas edicións consecutivas de antigüidade e que a última se celebrase con posterioridade ao ano 2017. Os certames deberán contar cun mínimo de tres obras orixinais ao aire libre orixinais, dun mínimo 16 metros cadrados e de distintos artistas ou colectivos de artistas.

Entre os criterios de valoración están a antigüidade do festival, o número de días de duración do evento, o número de artistas ou colectivos participantes e que sexan de Galicia, número de artistas ou colectivos internacionais, o número de artistas ou colectivos estatais, as actividades paralelas (conferencias, concertos, talleres, visitas guiadas ou outras), os medios de difusión do proxecto ou a paridade no xénero das artistas e dos artistas convidados.

Tanto as solicitudes como o resto da tramitación desta convocatoria realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación.