A Deputación completa as obras de renovación da capa de rodaxe da estrada DP 1105 en Noia e prepara unha seguinte fase en Boiro
O portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, destaca "a importante mellora da seguridade nunha vía clave para a vertebración da comarca" tras un investimento próximo aos 600.000 euros
Fernández visitou a zona acompañado da deputada Sandra González e do alcalde de Boiro, que reclamou a continuidade das obras nunha vía "clave para a comarca"
A Deputación da Coruña ultima estes días os derradeiros detalles das obras de renovación da capa de rodaxe dos primeiros 5,5 quilómetros da estrada provincial DP-1105, que conecta os municipios de Noia, Boiro e Lousame, e que supuxeron un investimento cercano aos 600.000 euros.
O portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, visitou esta mañá a zona acompañado pola deputada Sandra González. Na visita estivo tamén o alcalde de Boiro, José Ramón Romero.
Fernández destacou "a importante mellora da seguridade nesta primeira fase das obras dunha estrada clave para a vertebración desta comarca, que ademais rexistra un importante volume de tráfico", unha actuación que marcou unha "aposta da Deputación pola mellora e conservación dunha ampla rede viaria que suma máis de 2.100 quilómetros na provincia".
Bernardo Fernández destacou tamén que a Deputación pretende "continuar cunha segunda e terceira fase", renovando tamén o firme tramo que atravesa polo termo municipal de Boiro. "Xa estamos traballando nestes proxectos e noutros de gran importancia nesta comarca como a estrada de Bribes en Boiro, que xa está en execución", apuntou.
Pola súa banda, o alcalde de Boiro, saudou o anuncio de que as obras da DP 1105 terán continuidade no municipio xa que "se trata dunha vía de comunicación estratéxica na comarca, que conecta as rías de Muros-Noia e de Arousa, cunha grande afluencia de tráfico"
"É unha estrada de vital importancia, xa que é a saída natural de Barbanza cara o norte da provincia e cara a provincia de Pontevedra", afirmou Romero, que demandou que o proxecto teña en conta no tramo Cabrales-Moimenta, unha mellora do alumeado ou cando menos a instalación de captafaros para mellorar a seguridade nun tramo afectado con frecuencia polas néboas.