Estás en:Novas

A Deputación da Coruña inicia a redacción dun proxecto para construír beirarrúas e ampliar a estrada de San Xurxo, en Ferrol

Valentín González Formoso e Ángel Mato visitaron a zona cos representantes da Asociación de Veciños, que demandan a mellora da seguridade neste tramo da DP 3607

"Será unha obra similar á da Travesía de Serantes", afirma Formoso compromete completar o proxecto en primavera para poder iniciar os traballos este mesmo ano

A Deputación da Coruña inicia a redacción dun proxecto para construír beirarrúas e ampliar a estrada de San Xurxo, en Ferrol

A Deputación da Coruña iniciou a redacción dun proxecto técnico para mellorar a seguridade viaria na estrada DP 3607 ao seu paso polo núcleo de San Xurxo que incluirá a construción de beirarrúas e o ancheamento da vía.

Así o confirmaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, ao presidente da Asociación de Veciños e da Comunidade de Montes de San Xurxo, Manuel Varela, e a outros representantes da entidade veciñal durante unha visita que realizaron á zona á zona para supervisar in situ o estado actual e as condicións de seguridade da estrada.

Formoso explicou que a redacción do proxecto, adxudicada recentemente pola Deputación, ten como finalidade definir as obras que se levarán a cabo e que incluirán a ampliación da plataforma da estrada, cun ancho actual é inferior aos 4,5 metros, e a construción de sendas ou beirarrúas no tramo de 800 metros que vai do PK 4+200 ao PK 5+000, que actualmente carece de senda para a circulación segura dos peóns, pese a ser un núcleo con numerosas vivendas.

"Tanto o alcalde Ángel Mato coma os veciños insisten que se trata dunha obra pola que levan agardando hai tempo e que é moi necesaria para mellorar a seguridade nesta zona, especialmente a dos veciños que se desprazan a pé pola beira da estrada, polo que o noso compromiso ter completado o proxecto técnico esta primavera e ter todo disposto para o inicio das obras este mesmo ano", afirmou Formoso, que explicou que "será unha obra similar á que acabamos de facer na Travesía de Serantes e que agora continúa na Cabana".

"Esta actuación vai dar resposta a unha necesidade pendente de cubrir dende hai varios mandatos. O propio concelleiro de Urbanismo analizou esta problemática cos veciños e deulle traslado á Deputación. A verdade é que a resposta foi moi rápida e por iso hoxe lles podemos dicir aos representantes veciñais que despois de tantos anos, en cuestión de moi poucos meses van ver como se inician as obras", afirmou o alcalde de Ferrol.

Para Ángel Mato, este proxecto "é unha mostra máis do compromiso da Deputación e do seu presidente con Ferrol e da total colaboración que mantemos para garantir a mobilidade da veciñanza e a seguridade viaria. Nos últimos anos a Deputación dotou de beirarrúas a estrada de San Pedro e da avenida do 19 de Febreiro, en Serantes, en ambos casos da man do Concello, que na primeira se fixo cargo de servizos coma a iluminación e no segundo das expropiacións. Ese traballo continúa na Cabana, onde hai poucos días firmei as expropiacións, e vai dar froito agora en San Xurxo", concluíu o rexedor ferrolán.