Estás en:Novas

A Deputación destina 800.000 euros para o financiamento de persoal das oficinas de turismo

As axudas están destinadas a concellos de menos de 50.000 habitantes, que poderán recibir subvencións de entre 10.000 e 20.000 euros

O prazo de presentación de solicitudes remata o 3 de marzo

A Deputación destina 800.000 euros para o financiamento de persoal das oficinas de turismo

Co obxectivo de seguir avanzando na profesionalización do sector, o departamento de Turismo da Deputación da Coruña destina neste exercicio un total de 800.000 euros para o financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo. O prazo de presentación de solicitudes remata o 3 de marzo.

Serán beneficiarios das axudas os concellos e agrupacións de concellos de menos de 50.000 habitantes, que poderán recibir subvencións de entre 10.000 e 20.000 euros. Os municipios de menos de 10.000 habitantes que non dispoñan de áreas de turismo nin persoal asignado á xestión de turismo no seu organigrama, ou que non conten con grandes infraestruturas de aloxamento, pero que no seu territorio dispoñan de espazos, bens ou outros recursos capaces de xerar dinámicas positivas para o turismo, estacional ou eventualmente, poderán solicitar a subvención conxuntamente mediante a agrupación de concellos limítrofes (mínimo tres).

Entre os criterios de valoración das solicitudes están o número total de prazas de aloxamento en establecementos turísticos do concello ou agrupacións de concellos, a capacidade de cobertura da demanda turística, ou o interese turístico e planificación sostida.

«Desde o primeiro momento fomos conscientes de que un turismo de calidade implicaba ter bos técnicos para planificar e bo persoal de información turística», explica o vicepresidente provincial e titular de Turismo, Xosé Regueira. «Sabiamos tamén», engade, «das necesidades dos concellos, pola precariedade de recursos humanos e pola imposibilidade legal de contratar novo persoal, de contar con persoal especializado en turismo para darlle servizo a unha proposta de calidade no territorio. Polo tanto, estamos moi orgullosos de que esta subvención da Deputación sirva para incrementar a calidade e mellorar a atención, algo que para nós é imprescindible se queremos ser competitivos no futuro».

Tanto as solicitudes como o resto da tramitación desta convocatoria realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación.