Entroido na Biblioteca!
Celebramos unha das datas máis festeiras e agardadas do ano!
Entroido tradicional galego na Biblioteca
Todos os anos temos moitas ganas de facer os nosos disfraces, vestirnos e saír á rúa a pasalo ben! Pero tamén de facer filloas ou feixóns, desfrutar dun bo cocido, ir ver as diferentes máscaras ancestrais tan chamativas de diferentes concellos da nosa xeografía... A todo isto axudaravos o centro de interese que preparamos na sección de Préstamo de persoas adultas, onde podedes atopar, por exemplo:
- Antroidos e máscaras na Galiza rural : nas fotos de Santos / [coordinación, fotografías e comentarios de Alfonso García Santos]: GAL/17226
- O Entroido ancestral = Carnival in the past = El carnaval ancestral / Carlos Puga, Nacho Gómez, Xerardo Dasairas: GAL/10368
- Entroido en Galicia / José Manuel González Reboredo, José Mariño Ferro: GAL/2233
- Mel nas filloas! : biscoitos, doces e sobremesas de Galicia / Rocío Garrido Caramés ; prólogo de José González Solla: GAL I 33
E moitos outros recursos que atoparás no recuncho temático.
Entroido literario!
Do venres 17 ao martes 21, disfrazámonos de personaxes da literatura infantil e xuvenil coa intención de animar á rapazada a cambiarse pola súa personaxe favorita da literatura de ficción. Hoxe comezamos polas aventuras de Lucky Luke! Séguenos nas redes para ver o resto de personaxes do noso entroido literario que imos ir publicando! En Twitter e Instagram somos @bibliodacoruna, e no Facebook Biblioteca da Deputación da Coruña.
Cal é o teu favorito?
Na Biblioteca Xuvenil atoparás unha selección de libros de máscaras e personaxes características que che poden servir de inspiración para o teu disfrace de entroido. Elixe o teu favorito e disfrázate de boa literatura!