Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Cerceda invisten 346.000 euros nas obras de mellora do campo de fútbol do Outeiro

Valentín González Formoso e o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, asinaron hoxe o convenio

O proxecto contempla a instalación dunhas bancadas cubertas que acollan vestiarios, almacén, sala de instalacións, aseos e cantina; a creación dunha gabia de drenaxe para mellorar o terreo de xogo e a colocación de 4 torretas de iluminación

A Deputación da Coruña e o Concello de Cerceda invisten 346.000  euros nas obras de mellora do campo de fútbol do Outeiro

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinou esta mañá co alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, e a deputada de Deportes, Cristina Capelán, o convenio para cofinanciar as obras de mellora das instalacións deportivas do campo de fútbol O Outeiro.

A Deputación achegará o 80% do investimento total, que ascende a 346.478,01 euros, mentres que a administración local completará o financiamento co 20% restante.

O proxecto contempla a instalación dunhas bancadas cubertas que acollan a zona de vestiarios, almacén, sala de instalacións, aseos e a cantina no seu interior.

Para isto levantarase unha estrutura de formigón armado en cimentación, colocando vigas e piares, placas alveolares e bancadas prefabricadas, ademais de engadir unha cuberta simple de chapa metálica fixada directamente sobre correas metálicas. O seu interior estará destinado a dous vestiarios para os xogadores, un vestiario para os árbitros, un almacén, unha cantina, unha sala de instalacións e dous aseos – dos que un estará adaptado para persoas con mobilidade reducida-.

Tamén se levará cabo a mellora do terreo de xogo mediante a creación dunha gabia de drenaxe na zona noroeste da parcela intercepte o fluxo de auga subterránea e redirixa o caudal cara as beiravías do campo, a colocación de 4 torretas de iluminación artificial nos laterais e a reposición do firme da superficie de actuación que resulte danada polas obras.

"Coa execución desta obra vaise mellorar unha infraestrutura moi importante para o Concello de Cerceda, que facilitará a práctica deportiva e redundará no beneficio da veciñanza", afirmou o alcalde, que agradeceu o apoio da Deputación.