A Deputación inicia as obras de construción dunha senda peonil de máis de 3 km en Centroña (Pontedeume)
Valentín González Formoso e Bernardo Fernández supervisaron o inicio das obras, que supoñen un investimento de 1,1 millóns de euros
A senda mellorará a seguridade dos peóns na transitada estrada provincial que conecta Pontedeume e Miño ao seu paso polos núcleos de Ventosa, Vizus, O Portiño e Centroña
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, supervisaron o inicio das obras da nova senda peonil que conectará os núcleos eumeses de Ventosa, Vizus, O Portiño e Centroña, garantindo a seguridade dos peóns que transitan polas marxes da estrada DP 4803.
As obras foron supoñen un importante investimento de 1.108.202 euros e teñen un prazo de execución de catro meses. Permitirán mellorar a seguridade nunha estrada provincial que rexistra un elevado volume de tráfico diario, pois conecta os concellos de Miño e Pontedeume pola costa e dá acceso a numerosas praias do municipio.
Bernardo Fernández cualificou de "día histórico" o inicio dunhas obras que farán realidade unha demanda da veciñanza desde hai catro décadas. "Suporán unha mellora importante da seguridade para as numerosas persoas que se desprazan a pé pola zona para ir ás praias, ao cemiterio ou ao local social e que ata agora tiñan que transitar pola estreita marxe da calzada", afirmou o alcalde, que destacou tamén as fermosas vistas que a senda terá sobre a ría.
Seguridade peonil na estrada que conecta Pontedeume e Miño
O rexedor eumés sinalou tamén que as obras supoñen "a última fase de construción das sendas que comunican Pontedeume con Miño. As primeiras foron hai décadas no Concello de Miño, no 2015 construíuse o tramo que conecta Perbes con Boebre e agora toca este último tramo, polo que unha vez rematadas as obras a estada contará cunha senda na súa totalidade", indicou.