Estás en:Novas

A Deputación financia a nova filloeira da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo con capacidade para producir 800 pezas á hora

O deputado de Promoción Económica, Blas García destaca o compromiso da Deputación con esta importante Festa do entroido na provincia

A Deputación financia a nova filloeira da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo con capacidade para producir 800 pezas á hora

A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo está de estrea hoxe sábado: á primeira edición da Festa da Filloíña e do Entroido da Filloa hai que sumar o dunha nova máquina filloeira adquirida pola entidade coa colaboración coa Deputación da Coruña.

Esta mañá o deputado provincial Blas García acompañou ao presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, Xosé Manuel Canabal, e ao alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, na posta en marcha desta nova máquina no local social de Lestedo.

Unha máquina con capacidade para facer 800 filloas á hora e que dende esta mañá están a manexar os veciños e veciñas que integran a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo para ter todo listo para esta tarde, coas primeiras edicións da Festa da Filloíña e do Entroido da Filloa. Os veciños e veciñas que integran a asociación explicáronlles aos integrantes da comitiva oficial a forma na que se cociñan as filloas de Lestedo, facendo fincapé, non tanto na propia máquina como no saber facer das persoas e no uso dos ingredientes da contorna, como a auga do Pico Sacro.

Blas García destacou o apoio da Deputación "a unha das festas do entroido con máis tradición da provincia" cunha axuda de Promoción Económica para a adquisición da máquina, que multiplica a capacidade de produción da anterior e é máis doada de trasladar.

Xosé Manuel Canabal agradeceu o apoio da Deputación da Coruña, que achegou uns 36.000 euros para financiar preto do 75% do custe da nova máquina filloeira. A comitiva oficial puido degustar estas exquisitas filloas, que tamén estarán esta tarde a disposición de todas as persoas que participen na Festa da Filloíña, onde a rapazada que participe no concurso de disfraces ou veña disfrazada poderá comelas totalmente de balde.

Programación

A festa dará comezo ás 17:30 horas coa actuación de varios grupos musicais da contorna, previos ao pregón infantil e aos atranques de xeneraliños, para poñer en valor a tradición. Tras o concurso de disfraces haberá unha festa infantil con Priscila Dance. Ás 22:00 horas, o campo da festa de Lestedo cambiará a un público adulto coa música da orquestra Finisterre e do grupo Origen, que darán paso a un concurso de disfraces para adultos con 750 euros en premios.