A Deputación aproba un investimento de preto de 1,5 millóns para as obras de ampliación e mellora da estrada DP 1502 do Porto a Laraxe, en Cabanas
As obras ampliarán a plataforma da estrada ata os 10 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros e unha senda peonil de 2 metros de ancho
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade un investimento de 1.490.655, 14 euros para as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 1502 de Porto a Laraxe, no termo municipal de Cabanas.
O orzamento de execución das obras ascende a 1.185.545,02 euros mentres que as expropiacións, que inclúen a demolición dunha vivenda deshabitada para poder ampliar a calzada no PK 1+000, ascenderán a 305.110,12 euros.
A estrada conecta os núcleos de Porto e Laraxe e conta cunha lonxitude total de 2,3 quilómetros, dos que o primeiro quilómetro xa foi mellorado pola Deputación, que ampliou este tramo e construíu beirarrúas hai unha década.
Agora acometeranse as obras de mellora nos restantes 1,3 quilómetros ata o remate da vía, que conta actualmente cunha calzada de apenas 5 metros de ancho cun trazado sinuoso e numerosas vivendas lindeiras e rexistra un importante volume de tráfico, cunha media de 995 vehículos ao día.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que as obras aprobadas hoxe permitirán ampliar a plataforma da estrada ata os 10 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros e unha senda de 2 metros pola marxe dereita na maioría do tramo e na esquerda na actuación final para facilitar o entronque coa N-651.
"Coa aprobación desta obra cumprimos o compromiso adquirido co Concello e co alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, que viña demandando a mellora de seguridade desta vía tanto para o tráfico rodado como para os peóns, que actualmente carecen de beiravías para circular polas marxes da estrada", explicou o presidente da Deputación, que destacou que as obras "completarán a renovación integral da estrada", incluíndo tamén a rede de drenaxe e dotando a toda a vía de novo alumeado e de captafaros para mellorar a visibilidade nocturna.
O proxecto inclúe a sinalización vertical e horizontal en todo o tramo, a colocación dun petril urbano de seguridade ao longo de 27 metros na marxe dereita da vía antes da conexión coa N-651.