Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financia con 70.000 euros o proxecto para a mellora da vía de Croído, en Lousame

Valentín González Formoso e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asinaron o convenio polo que a institución provincial achega o 69% do orzamento total da obra

Esta actuación consistirá na execución cunha beiravía transitable, a ampliación da estrada e a súa posterior pavimentación

A Deputación da Coruña financia con 70.000 euros o proxecto para a mellora da vía de Croído, en Lousame

A Deputación da Coruña destina 70.000 euros para financiar o proxecto de mellora da seguridade viaria en Croído, no Concello de Lousame, que ten o obxectivo de crear unha beiravía transitable, pavimentar e ampliar a calzada e dar continuidade ás redes de saneamento, pluviais e iluminación.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial achega 70.000 euros, o 69% do orzamento total, que ascende a 101.577 euros.

Os traballos a levar a cabo consisten na execución dunha beiravía transitable, a ampliación da vía ata acadar un ancho de 5 metros, o asfaltado desta, a canalización de tubaxe de PVC para a recollida de augas pluviais, a instalación de pozos de rexistro para as augas residuais e a instalación de novas luminarias LED. Por último, realizarase a sinalización horizontal e a colocación de tres sinais de Stop.