Estás en:Novas

A Deputación destina 200.000 euros en axudas para actividades das organizacións profesionais agrarias e labregas da provincia

Os importes das subvencións van desde os 6.000 euros ata os 100.000 euros


As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 31 de marzo

A Deputación destina 200.000 euros en axudas para actividades das organizacións profesionais agrarias e labregas da provincia

A Deputación da Coruña, a través do Servizo de Promoción Económica, destina 200.000 euros a axudas dirixidas a organizacións profesionais agrarias e labregas (OPAS) da Provincia da Coruña para actividades durante o ano 2023.

No día de hoxe sae publicado no BOP a convocatoria deste programa de subvencións, que poden solicitarse ata o 31 de marzo.

Segundo explicou o deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, o obxectivo desta convocatoria é subvencionar accións destinadas a fomentar a participación dos sectores da agricultura e da gandería en actividades de democratización do agro mediante a mellora da súa calidade de vida a través da vertebración social e profesional do sector agrario, gandeiro e forestal, e o asesoramento e a prestación dos servizos precisos ás explotacións, co fin de mellorar as súas rendas e as súas condicións de traballo.

As achegas poderán empregarse para a contratación de persoal técnico, soldos e salarios, seguridade social do persoal asociado ás oficinas abertas polas OPAS na provincia, gastos derivados de cursos, seminarios, xornadas e congresos, e gastos de funcionamento da entidade cando estean directamente vinculados á realización da actividade co límite máximo do 15%.

Os importes das subvencións poden ir desde os 6.000 euros ata os 100.000 euros, sempre e cando a cantidade estea comprendida entre o 20% e o 80% dos gastos subvencionables.

As actividades deberán realizarse no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 e a xustificación poderá presentarse a partir do día seguinte á publicación da resolución de concesión definitiva das subvencións e ata o 1 de abril de 2024.

Aquí podes consultar todas as bases da convocatoria:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2023/02/10/2023_0000000900.pdf