Estás en:Novas

A Deputación financia con 50.400 euros a construción dunha nova nave en Vilasantar para a prestación dos servizos públicos

A parcela na que se edificará a nave ten máis de 10.000 m2 e contará cun edificio de nova planta de case 300 m2 útiles para acoller estas demandas.

A Deputación financia con 50.400 euros a construción dunha nova nave en Vilasantar para a prestación dos servizos públicos

O Concello de Vilasantar contará cunha nova nave para destinala aos servizos municipais grazas ao apoio económico da Deputación da Coruña, que permitirá a construción deste equipamento. A axuda provincial, que ascende a 50.400 euros, representa o 80% do total do custe da actuación.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración.

Na actualidade a maquinaria municipal gárdase nunha nave de alugueiro que non dispón dun acceso axeitado para os transportes de grandes dimensións. A nave que se proxecta atópase moi preto da casa consistorial e conta con beirarrúas e estacionamentos cuns accesos óptimos para os servizos municipais. A parcela na que se edificará a nave ten máis de 10.000 m2 e contará cun edificio de nova planta de case 300 m2 útiles para acoller estas demandas.

A futura nave, que é moi necesaria desde hai anos para este municipio, mellorará a prestación de servizos para a veciñanza xa que permitirá cubrir as demandas operativas do Concello como recinto para albergar a maquinaria e o material municipal para a prestación dos servizos públicos como o da recollida de lixo, mantemento e xestión do servizo de abastecemento de auga e da rede de sumidoiros, iluminación pública, protección civil, prevención e extinción de incendios, limpeza viaria, roza de pistas e servizo de mantemento das infraestruturas públicas municipais, segundo explicou o presidente da Deputación.

O novo edificio contará con servizos axeitados de seguridade e impermeabilidade para un axeitado mantemento da instalación.