Estás en:Novas

A Deputación inicia os trámites para a redacción do proxecto da ampliación e mellora da DP-7310 que dará acceso ao novo polígono do Concello de Ribeira

A execución deste proxecto vai mellorar a infraestrutura que será a arteria principal do parque empresarial, que contará con 260.000 metros cadrados de superficie na contorna de Fontenla e Pedras Vermellas

O dirixente provincial destacou que "durante esta lexislatura a Deputación leva destinados 18 millóns de euros a obras no Concello de Ribeira"

A Deputación inicia os trámites para a redacción do proxecto da ampliación e mellora da DP-7310 que dará acceso ao novo polígono do Concello de Ribeira

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou hoxe na súa visita á Asociación de Empresarios de Ribeira o inicio dos trámites para a redacción do proxecto da ampliación e mellora da DP-7310, que vai servir de enlace da AG-11 co futuro polígono industrial de Palmeira, no Concello de Ribeira.

Formoso apuntou que "tan só estamos pendentes da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal por parte do concello, que ten que ver coa ampliación do polígono, para comezar coas expropiacións e iniciar os traballos de ampliación da estrada que permita o tránsito de tráfico pesado".

"Trátase dunha actuación perfectamente asumible por parte da Deputación, cun orzamento de aproximadamente 900.000 euros, que a pesar de ter que levar a cabo expropiacións, sairá adiante nun período de tempo bastante reducido" engadiu Formoso.
O dirixente provincial destacou que "durante esta lexislatura a Deputación leva destinados 18 millóns de euros a obras no Concello de Ribeira, o que demostra un gran compromiso por parte do ente provincial con este municipio".

Coa execución desta obra vaise mellorar unha infraestrutura que vai ser a arteria principal do parque empresarial, que contará con 260.000 metros cadrados de superficie na contorna de Fontenla e Pedras Vermellas.

O proxecto consistirá na ampliación da estrada DP-7310 desde o seu punto inicial ata no enlace coa AG-11 e na construción de dúas rotondas nos PQ 0+945 e no PQ 1+296.

A estrada, que vai desde Palmeira a Cruz de Moldes, ten na actualidade unha lonxitude de 1.980 metros e un ancho medio de plataforma de 6 metros, con dous carrís de 3 metros cada un. Debido ao aumento previsto de tráfico particular e industrial que provocará o desenvolvemento do novo polígono sería preciso acometer unha ampliación da plataforma ata acadar os 8 metros, incluíndo dous carrís de 3,5 metros cada un e 0,5 metros de beiravía por ambas bandas. Ademais incluiranse no proxecto a creación de dúas rotondas que dean de acceso ao polígono.

A devandita ampliación afectaría á totalidade da estrada, dado que no seu punto inicial conecta coa autopista AG-11 e no seu final conecta coa estrada AC-302, que conduce ao polígono industrial da Tomada, situado a corta distancia.