Estás en:Novas

Mostra: "Murguía: 1923-2023, cen anos sen o patriarca"

Mostra:

1_Murguía e o seu tempo

Co gallo do centenario do pasamento de Manuel Murguía (un dos principais arquitectos da identidade nacional galega) esta biblioteca que, ademais o tivo á súa fronte, presenta esta mostra bibliográfica para homenaxear e difundir a súa figura e o seu legado. 

Os materiais empregados na mostra forman parte dos nosos fondos, e a proposta dividiuse en sete grandes áreas temáticas, para axeitalas ao espazo expositivo da planta baixa do edificio. Así pois, a proposta desenvólvese do seguinte xeito:

1. Murguía e o seu tempo: Introdución ao autor e á época
Neste apartado tratanse tanto as influencias como o contexto que rodea a Murguía, e que introducen e axudan a explicar a deriva que a súa actividade cultural e política seguen ao longo dunha dilatada e frutífera carreira.

2. Proxecto político: O Rexionalismo
Aquí desenvolveranse os piares sobre os que se constrúe o ideario nacional de Murguía, co celtismo como substrato fundacional, o rexionalismo como punto de partida e desenrolo e o nacionalismo como dirección de cara o futuro, que retomará a xeración que lle da o relevo (As Irmandades e a Xeración Nós).

3. Obra (como autor)

Para esta terceira vitrina resérvanse o groso dos materiais que contan co máis alto valor patrimonial, estoume a referir a aquelas edicións orixinais e facsimilares das primeiras edicións da obra do homenaxeado. A maioría compóñena ensaios, mais tamén contamos entre os fondos da biblioteca con exemplos da súa produción literaria.

4. Obras sobre Murguía

Aquí recóllense as principais biografías do autor e as obras de crítica e interpretación que analizan a súa obra e a súa figura. Algúns dos autores que teñen traballado sobre a súa figura foron nomes moi destacados na sociedade e cultura do pais (Xosé Ramón Fernández Barreiro ou Enrique Rabuñal, por exemplo). Fixemos unha escolla daqueles que nos pareceron máis representativos.

5. A Familia Castro Murguía na Biblioteca CAM-MM
Neste espazo empregaranse fondos dispoñibles na biblioteca César Antonio Molina -Mercedes Monmany sobre Murguía e Rosalía, destacando algunhas obras curiosas, e na súa meirande parte empregáronse obras da poeta, pois son máis significativas nesta colección en particular.

6. Debates e controversias e Conexións con outras persoas creadoras
Destácanse, neste punto, as relacións e conexións que Murguía mantivo con algúns dos seus contemporáneos e se poden rastrexar a través dos libros e revistas do fondo da biblioteca. Aparecen figuras como Valle-Inclán, Ovidio Murguía, ou Pérez-Villaamil.
Neste apartado trátase de abordar, tamén, algunhas relacións máis polémicas: como a que tivo coa Condesa de Pardo Bazán ou con Sánchez Moguel.

7. Obra xornalística e pulo á publicación
Achéganse, neste apartado, as contribucións de Murguía ás revistas do momento, como La Ilustración gallega y asturiana ou La Patria Gallega.
Complétase este apartado con obras que Murguía prologou, que nos dan pistas sobre os autores e temas que apadriñaba, onde aparecen obras literarias (Herrera Garrido), así como estudos históricos e outros ensaios (Artaza Malvares) destacando a temática galega en ambos casos. Con isto queremos tamén facer fincapé na fonda labor de pulo á edición que o autor desenvolveu ao longo de toda a súa vida, como parte do seu proxecto de país.

Para afondar na mostra podes acceder ao contido completo da Guía de lectura que a Biblioteca elaborou.