Estás en:Novas

Chega a 2ª edicion do ‘Club da Raíña Lupa’, o club de lectura sen complexos nin etiquetas

'Non hai idade, hai literatura' é a filosofía da que parte este club de lectura que naceu en 2022 ao abeiro do Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña

Está coordinado polo gañador da última edición do Premio, Lois Pérez, e participarán destacadas autoras e autores da LIX en galego como Antía Yáñez, Miguel López ("El Hematocrítico"), Marilar Aleixandre, María Reimóndez e Eva Mejuto

Terá lugar na Biblioteca provincial da Coruña baixo inscrición previa e está aberto tanto ao público xuvenil como a calquera persoa adulta: nais, pais, irmáns, docentes ou bibliotecarias

Chega a 2ª edicion do ‘Club da Raíña Lupa’, o club de lectura sen complexos nin etiquetas

Neste mes de marzo volve á Biblioteca provincial o 'Club da Raíña Lupa', o club de lectura sen etiquetas e sen complexos que naceu ao abeiro do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O club, que foi concibido baixo a filosofía de que 'non hai idade, hai literatura', ten por obxectivo socializar a idea de que a LIX vai máis aló do público estritamente xuvenil.

Esta segunda edición ofrecerá seis encontros - tres na primavera e tres no outono - e está coordinada polo gañador da última edición do Premio Raíña Lupa, Lois Pérez. O club reunirase na Sala César Antonio Molina da Biblioteca provincial da Coruña, ás 18h do penúltimo venres dos meses de marzo, abril, maio, setembro, outubro e novembro. O venres 24 de marzo, será a escritora Antía Yáñez a encargada de inaugurar esta segunda edición de encontros co público lector. Nos seguintes meses participaran Miguel López ("El Hematocrítico"), Marilar Aleixandre, María Reimóndez, Eva Mejuto e o propio Lois Pérez.

Para participar no 'Club da Raíña Lupa' será necesario inscribirse previamente a través de correo electrónico. O prazo de inscrición abrirase o luns 13 de marzo, día no que se fará público o enderezo electrónico de inscrición. O número de prazas estará limitado a 25 persoas e poderá participar tanto o público máis novo como calquera persoa adulta -nais, pais, irmáns, docentes, bibliotecarias- que desexe compartir experiencia lectora cos máis novos e novas.

Calendario de lecturas e encontros:

- Venres 24 de marzo: Antía Yáñez – "Plan de rescate"

- Venres 21 de abril: Miguel López (El Hematocrítico) – "Dona Problemas"

- Venres 19 de maio: Marilar Aleixandre – "Nogard"

- Venres 22 de setembro: María Reimóndez – "Cobiza"

- Venres 20 de outubro: Eva Mejuto – "A ladroa da biblioteca de Meirás"

- Venres 17 de novembro: Lois Pérez – "A tribo do mar"