Estás en:Novas

Barbanza acolle unha nova edición do programa formativo "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo", iniciativa conxunta da Fundación Paideia, a Deputación da Coruña, a Fundación EOI e Deloa

O programa formativo "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo" inaugurado hoxe en Boiro está dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos e en situación de desemprego

A formación será presencial e realizarase de forma simultánea nos concellos da Coruña, Boiro, Noia, Outes, Lousame, Rianxo, Dodro e Rois

Barbanza acolle unha nova edición do programa formativo

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, o alcalde Boiro, José Ramón Romero, e o vicepresidente e responsable de proxectos da Fundación Paideia participaron hoxe na xornada inaugural da nova edición da acción formativa "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo", no Centro Social de Boiro.

Este programa formativo organizado pola Fundación Paideia Galiza xunto a Escola de Organización Industrial,a Deputación da Coruña e a Asociación de Desenvolvemento Local Deloa está dirixido a menores de 30 anos en situación de desemprego. Levarase a cabo de modo presencial entre os meses de febreiro e xuño e poderá realizarse en calquera das 3 edicións que se celebrarán de forma simultánea nos concellos ou agrupacións de concellos da provincia, a saber, Coruña, Boiro-Noia-Outes-Lousame, e Rianxo-Dodro-Rois.

Ademais de recibir máis de 200 horas de formación, as persoas participantes poderán gozar da experiencia de pasar unha semana noutra cidade de España coñecendo empresas e casos de éxito no sector do Márketing Dixital e o Cooperativismo.

A participación neste programa formativo é totalmente gratuíta e contará con recoñecidos/as profesionais do márketing dixital e do traballo cooperativo, referentes tanto a nivel galego como nacional. As clases grupais levaranse a cabo de modo presencial e se realizarán titorías individualizadas e grupais para o desenvolvemento de proxectos de cooperativismo no sector do márketing dixital. Ademais, as persoas participantes contarán co asesoramento da consultora Ernst & Young para o desenvolvemento dos seus proxectos cooperativistas.

Durante a mañá tivo lugar unha formación económico-financeira impartida polo asesor en emprendemento Brais Pérez Gómez á que asistiron as persoas participantes inscritas nesta edición; a presentación da cooperativa gañadora da primeira edición, Kracia; e unha rolda de intervencións na que o deputado da área de emprego da Deputación destacou que "esta asociación estratéxica con Paideia, coa que vimos colaborando desde hai anos, e coa EOI vainos permitir ofrecer á mocidade novas oportunidades formativas e laborais nun eido de gran proxección de futuro, como é o do márketing dixital".

Pode atopar máis información sobre esta nova edición da acción formativa de "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo" na súa páxina web:

https://www.paideia.es/marketing-dixital-2023/