Estás en:Novas

Aberto o prazo para inscribirse na segunda edición do Club da Raíña Lupa

Poderán participar 25 persoas e os formularios en liña para anotarse xa están dispoñibles na páxina web da Deputación

Coordinado por Lois Pérez, gañador da última edición do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, ofrecerá na Biblioteca provincial tres encontros esta primavera mais outros tres en outono

A primeira cita, o 24 de marzo, ás 18 horas, será con Antía Yáñez e a súa obra "Plan de rescate", Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa 2019

Aberto o prazo para inscribirse na segunda edición do Club da Raíña Lupa

Desde esta mañá está aberto o prazo para inscribirse na segunda edición do Club da Raíña Lupa, o club de lectura sen etiquetas e sen complexos que nace ao abeiro do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil que convoca desde hai dezasete anos o departamento de Cultura da Deputación da Coruña.

Son 25 as prazas reservadas para participar nos seis encontros programados e as anotacións deben formalizarse en liña a través dos formularios dispoñibles na web da institución provincial, nestas dúas ligazóns:

  • Para menores de idade (os rapaces e as rapazas menores de 9 anos deberán acudir na compaña dunha persoa adulta): aquí 
  • Para maiores de idade: aquí

As sesións, nas que as persoas participantes poderán conversar cos autores e autoras das obras seleccionadas, terán lugar na Sala César Antonio Molina da Biblioteca provincial da Coruña, ás 18 horas do penúltimo venres de marzo, abril, maio, setembro, outubro e novembro. O primeiro dos encontros celebrarase o 24 deste mes e xirará ao redor do libro de Antía Yáñez "Plan de rescate", Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa 2019. Seguiranlle as seguintes citas:

  • Venres 21 de abril: "Dona Problemas", de Miguel López, El Hematocrítico.
  • Venres 19 de maio: "Nogard", de Marilar Aleixandre.
  • Venres 22 de setembro: "Cobiza", de María Reimóndez.
  • Venres 20 de outubro: "A ladroa da biblioteca de Meirás", de Eva Mejuto.
  • Venres 17 de novembro: "A tribo do mar", de Lois Pérez, gañador da última edición do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil e coordinador do club este ano.

O 'Club da Raíña Lupa' parte da filosofía 'non hai idade, hai literatura', para estender e socializar a idea de que a LIX vai máis aló do público estritamente infantil e xuvenil, polo que poderá participar tanto o público máis novo como calquera persoa adulta -nais, pais, irmáns, docentes, bibliotecarias- que desexe compartir experiencia lectora coa cativada.