Estás en:Novas

Europe Direct A Coruña consolida a súa rede de información europea para a mocidade ‘Europa no teu Concello’ coa ampliación dos servizos dispoñibles

Os concellos poderán acceder a un catálogo de servizos máis amplo no 2023 con obradoiros e outras actividades de sensibilización europea


'Europa no teu concello' conta con36 puntos informativos instalados en municipios da provincia e mantén aberta a convocatoria de adhesión de máis entidades locais interesadas

A rede permite achegar aos mozos e mozas da provincia as oportunidades laborais, de formación ou de mobilidade que ofrece a UE, así como publicacións de interese

Europe Direct A Coruña consolida a súa rede de información europea para a mocidade ‘Europa no teu Concello’ coa ampliación dos servizos dispoñibles

Europe Direct A Coruña consolida este ano a iniciativa Europa no teu Concello coa ampliación do catálogo de servizos que se ofrecen aos concellos adheridos a esta rede de información europea para a mocidade e coa sinatura dunha carta de adhesión á mesma. Así, os concellos que forman parte da rede poderán acoller obradoiros e outras actividades de sensibilización europea ao longo do ano.

Os membros da rede contarán tamén con oportunidades de participación para a mocidade local en actividades de intercambio xuvenil e na campaña anual que o centro desenvolve en redes sociais para a difusión de iniciativas xuvenís europeas. Así mesmo, EUROPE DIRECT A Coruña ofrece os concellos apoio para iniciativas locais no marco de días e conmemoracións europeas.

Estes servizos que se incorporan en 2023 súmanse a outros de carácter xeral que se activan no momento da adhesión a Europa no teu concello e que inclúen a recepción dun expositor informativo, publicacións oficiais, materiais e newsletter semanal coas novidades de mobilidade para a xente moza, entre outros.

A rede Europa no teu concello suma 36 puntos de información para a mocidade en municipios da provincia da Coruña. EUROPE DIRECT A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea da Deputación da Coruña, impulsou a posta en marcha desta iniciativa co obxectivo de crear unha rede de puntos de información directa e descentralizados para a xente novada provincia.

A campaña continúa aberta para a adhesión de máis concellos ou centros de información xuvenil da provincia que poidan estar interesados en formar parte desta rede. Poden poñerse en contacto a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal.

Os concellos que participan nesta iniciativa son: Abegondo, Ames, Ares, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Camariñas, Cambre, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Culleredo, Dumbría, Fene, Lousame, Mugardos, Narón, Negreira, O Pino, Oroso, Paderne, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, Rois, Sada, Touro, Valdoviño, Vedra, Vimianzo e Zas.

Para información complementaria, pódese consultar a páxina web https://dacoruna.gal/europedirect/europa-no-teu-concello