A Deputación completa os trámites de expropiación para as obras de mellora da seguridade da estrada de Neaño ao Allo por Cesullas, en Cabana de Bergantiños
Cita aos propietarios dos 35 terreos afectados o 28 de marzo na Casa do Concello para pagar as expropiacións
A Deputación da Coruña destina 802.384 euros ás obras e 88.605 á adquisión dos terreos
Construirase unha senda de 1,2 quilómetros para mellorar a seguridade peonil
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio do pago dos depósitos previos e indemnizacións correspondentes ás expropiacións dos 35 predios necesarios para acometer as obras de mellora da seguridade viaria na estrada DP 1406 de Neaño ao Allo por Cesullas, no termo municipal de Cabana de Bergantiños.
A Deputación da Coruña investirá nas obras un total de 890.989 euros, dos que 88.605,02 euros corresponden ás expropiacións e 802.384 á execución material das obras.
Os veciños e veciñas propietarios dos terreos están citados o día 28 de marzo, entre as 16.00 e as 17.15 horas, na Casa do Concello de Cabana de Bergantiños.
As obras permitirán crear unha senda de 1,2 quilómetros de lonxitude e dous metros de ancho na marxe dereita da estrada DP-1406, entre os PQ 0+680 e 1+900.
O proxecto contempla tamén a ampliación da plataforma ata conseguir dous carrís de tres metros e medio de ancho e beiravías de medio metro. Nos puntos nos que se executen muros de escollera, a beiravía na marxe esquerda terá un ancho dun metro. Para completar as tarefas, substituirase a drenaxe existente para ofrecer unhas mellores características hidráulicas.
O proxecto contempla ademais a pavimentación, sinalización vertical, horizontal e balizamento, así como resaltes e ollos de gato.