Estás en:Novas

‘Manar’ de Lino Braxe, encabeza a programación da Deputación con motivo do Día do Teatro

A representación de 'Manar. A derradeira caravana' está concibida como unha homenaxe ao dramaturgo Lino Braxe e terá lugar o domingo 26 de marzo no Teatro Colón ás 20h. As entradas, de balde, xa están dispoñibles na páxina web do Colón

O luns 27 de marzo, tamén no Teatro Colón, terá lugar a representación da obra "Flores de Ferro" a cargo da Escola de Teatro Melandrainas de Arteixo

A programación inclúe tres representacións da obra "Crisálida" de Caramuxo Teatro en Neda, Culleredo e Rianxo; e tres representacións de "O porco de pé" de Excéntricas Producións en Carballo, As Pontes e Muros

‘Manar’ de Lino Braxe, encabeza a programación da Deputación con motivo do Día do Teatro

A área de Cultura da Deputación da Coruña está a programar un total de oito representacións teatrais con motivo do Día do Teatro, que terán lugar en diferentes concellos da provincia nas últimas semanas de marzo e a comezos de abril. Dous dos espectáculos serán representados no Teatro Colón e o primeiro deles, "Manar. A derradeira caravana", está concibido como unha homenaxe ao dramaturgo e director de teatro falecido en 2020 Lino Braxe. Terá lugar o domingo 26 de marzo ás 20h e as entradas para asistir xa están dispoñibles na web do Colón.

Precisamente onte no Teatro Colón reuniuse o deputado de Cultura, Xurxo Couto, coa impulsora da homenaxe, Alexandrina Fernández Otero, e coas actrices Sabela Hermida, que protagoniza a obra que se representará o domingo 26, e Luma Gómez, que foi a actriz na primeira representación de 'Manar' e que falará da súa traxectoria profesional a carón de Lino Braxe. Tamén intervirá a actriz Manuela Varela, responsable das voces en off na representación, e que falará da poética na obra de Lino Braxe. A posta en escena inclúe a proxección de pinturas acrílicas da autoría de Lino Braxe e a música en directo de Hames Bitar (laud) e Luís Taberna (percusión).

Tamén as táboas do Teatro Colón, neste caso o luns 27 ás 20:30h, acollerán a representación da obra "Flores de Ferro" a cargo da Escola de Teatro Melandrainas de Arteixo. Trátase da adaptación teatral da novela homónima coa que a escritora María Rey Vilas gañou o Premio de Novela García Barros en 2020.

A programación continúa con seis representación máis. Tres delas correrán a cargo da compañía Caramuxo Teatro, que precisamente neste 2023 celebra os seus 20 anos de traxectoria, e a obra que porán en escea será "Crisálida": unha proposta para público familiar (a partires de 5 anos) que vén de ser estreada a pasada fin de semana e que versa sobre valores como a importancia do comercio tradicional no mundo globalizado e dixitalizado, e o concepto de convivencia e comunidade local. Será representada na Casa da Cultura de Neda este sábado, 18 de marzo, ás 18:30h; continuará a itinerancia no Auditorio de Culleredo, o martes 28 de marzo pola mañá, nunha función exclusiva para centros educativos; e chegará ao Auditorio de Rianxo o 15 de abril.

Tamén serán tres as representacións da obra "O porco de pé", a cargo de Excéntricas Producións. Baseada na sátira escrita, vai para preto dun século, polo ourensán Vicente Risco, conta cun elenco formado por Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo. Chegará o venres 24 de marzo ao Pazo da Cultura de Carballo ás 20:30h; e continuará o venres 31 no Auditorio Cine Alovi de As Pontes ás 21:00h; e o sábado 1 de abril na Casa da Cultura de Muros ás 21:00h.