Estás en:Novas

A Deputación convoca o II Certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2023”

A área provincial de Cultura continúa coa liña de traballo inciada o pasado exercicio para poñer en valor, difundir e socializar o coñecemento sobre as figuras, os lugares e os momentos dunha das etapas consideradas de maior esplendor da historia galega

A convocatoria está dotada con 200.000 euros e contempla 20 premios, de 10.000 euros cada un, para proxectos de todo tipo de soportes e formatos, como libros, discos, audiovisuais, espectáculos ao vivo, exposicións, congresos e xornadas, materiais de merchandising, murais e intervencións urbanas ou contidos lúdicos

A Deputación convoca o II Certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2023”

O BOP vén de publicar as bases do II Certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2023", unha das convocatorias máis exitosas da área provincial de Cultura. Trátase da convocatoria que puxo en marcha a Deputación para poñer en valor, difundir e socializar o coñecemento sobre as figuras, os lugares e os momentos dunha das etapas consideradas de maior esplendor da historia galega, e que na súa primeira edición contara cun total de 127 proxectos presentados.

O II Certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2023" conta cunha dotación de 200.000 euros e contempla 20 premios, de 10.000 euros cada un, e poderán presentar os seus proxectos as persoas físicas ou xurídicas con sede social permanente no territorio galego e que estean legalmente constituídas no momento de facer a solicitude como empresa, entidade de economía social ou persoa traballadora autónoma. Cada empresa, entidade de economía social ou persoa traballadora autónoma só poderá presentar unha solicitude. Esta limitación aplícase ás persoas físicas que formen parte de empresas ou entidades, de xeito que non poderán presentar máis dun proxecto.
O prazo de presentación de solicitudes abrirase coa publicación da convocatoria deste premio no BOP da Coruña, a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións, e pecharase ás 14:00h do 25 de abril.

Ao igual que na anterior edición premiaranse proxectos en todo tipo de soportes e formatos: libros, discos, publicacións divulgativas, audiovisuais, espectáculos ao vivo, exposicións, congresos e xornadas, materiais de merchandising, contidos dixitais, murais e intervencións urbanas, contidos lúdicos, etc. Poderán presentarse á convocatoria proxectos que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de marzo de 2024; e non se admitirán aqueles que supoñan unha continuidade ou fases sucesivas de proxectos xa premiados na anterior convocatoria deste mesmo Certame.