Estás en:Novas

Adiós, poeta

Adiós, poeta

O pasado venres, falecía na súa casa de Madrid o escritor chileno-español Jorge Edwards. Prolífico escritor, interesouse na súa primeira mocidade pola poesía, á que paulatinamente iría desprazando a narrativa: novela, contos, crónicas, artigos xornalísticos...

En 1954 comeza a súa carreira diplomática, que lle levará á súa estancia en París, onde coñecerá a escritores da talla de Mario Vargas Llosa, Gabriel García Márquez e Julio Cortázar. Posteriormente será Encargado de Negocios en Cuba. Baseada nesta época, escribirá a súa obra máis coñecida, «Persona non grata», unha feroz crítica ao réxime cubano, escrita tras declararlle Fidel Castro persoa non grata polo seu apoio aos intelectuais cubanos torturados por opoñerse ao réxime. A obra pronto foi censurada tanto polas ideoloxías da dereita como as da esquerda, en Cuba e Chile, procurándolle inimizades con varios escritores latinoamericanos do momento que a vían como unha ameaza aos movementos progresistas.

De Cuba, volverá a París, onde traballará baixo as ordes de Pablo Neruda, sobre o que escribirá dúas das súas obras máis aclamadas «Adiós, poeta» e «Oh, maligna».


A súa mestría coa pluma procuraralle innumerables distincións entre as que destacan: ser membro da Academia Chilena da Lingua, o Premio Nacional de Literatura, o Premio Miguel de Cervantes, a Gran Cruz de Alfonso X o Sabio e ser Oficial da Orde das Artes e as Letras, de Francia.

Con César Antonio Molina e Mercedes Monmany mantivo unha relación de amizade curtida co paso dos anos. Unha relación que comezou no ámbito profesional, chegando co tempo, máis aló. Será César Antonio Molina quen prologue o seu libro «El Museo de Cera», unha sátira sobre a decadencia da clase alta, unha parodia sobre a ética e a moral dos aristócratas. No noso arquivo, gardamos numerosas cartas e documentación sobre conferencias e cursos nos que coincidiron.


Hoxe, toca despedida e non se nos ocorre mellor forma de facelo que usando as palabras que el mesmo dedicou a Pablo Neruda: «Adiós, poeta», que «El peso de la noche» che sexa leve.