Estás en:Novas

A Deputación inviste 450.000 euros en bolsas para proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos de 45 mozas e mozos da provincia

Financia 20 proxectos de investigación en diversos eidos, que van das ciencias da saúde ás artes e humanidades

Tamén 25 bolsas de estudos artísticos, que permitirán aos novos talentos coruñeses completar a súa formación en centros de fóra de Galicia e do estranxeiro

A Deputación inviste 450.000 euros en bolsas para proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos de 45 mozas e mozos da provincia

A Deputación da Coruña vén de convocar as súas bolsas de apoio a proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos durante o curso 2023.

Un total de 20 mozas e mozos da provincia da Coruña beneficiaranse das axudas para financiar proxectos de investigación, coas que a Deputación pretende "ofrecer apoio e oportunidades aos novos talentos coruñeses en diferentes da ámbitos investigación que van desde as ciencias da saúde, ás ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades", segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso, que detallou que estas bolsas suman un importe total de 200.000 euros, aos que se suman outros 250.000 € para perfeccionamento de estudos artísticos en centros de fóra de Galicia.

Con estas bolsas, a Deputación da Coruña apoiará a 20 persoas con titulación universitaria que desenvolverán no curso 2023-2024, durante un período mínimo de nove meses, proxectos de investigación co campo das artes e humanidades (5), ciencias (4), ciencias da saúde (4), ciencias sociais e xurídicas e estudos de xénero (5) e enxeñaría e arquitectura (2). Cada bolsa conta cunha achega de 10.000 euros.

O Goberno de Valentín González Formoso incrementou neste mandato tanto o número de bolsas (que pasaron de 40 a 45) como a contía das mesmas, que subiu de 8.000 a 10.000 euros.

25 beneficiarios e beneficiarias das bolsas de perfeccionamento artístico

No caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación dedica este ano 250.000 euros para financiar 25 axudas cunha achega de 10.000 euros cada unha.

A través delas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma de Galicia durante o período 2023-2024 nalgunha destas áreas: audiovisual (3 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (4), música (12) e teatro e interpretación escénica (3 bolsas).

"Estas bolsas permitirán a alumnos e alumnas coruñesas formarse en centros de Francia, Reino Unido, Estados Unidos, Países Baixos, Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia", explicou a deputada de Educación, Sandra González, que lembrou que importantes persoeiros da arte como Isaac Díaz Pardo ou Antonio Lago Rivera foron no seu día bolseiros da Deputación.

As bases e convocatoria poden consultarse na páxina web da Deputación.

https://dacoruna.gal/educacion/bolsas