Estás en:Novas

Formoso enxalza na Mostra o traballo das palilleras, destacando que “en calquera lugar do mundo, dicir encaixe é dicir Camariñas”

O presidente da Deputación destaca o papel das artesás camariñás para "manter viva esta tradición ao longo dos anos"

Subliña que, grazas ao traballo de tanta xente, Camariñas converteuse nun exemplo cando falamos de moda, vangarda, artesanía e cultura"

Formoso enxalza na Mostra o traballo das palilleras, destacando que “en calquera lugar do mundo, dicir encaixe é dicir Camariñas”

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou esta tarde na inauguración da trixésimo segunda edición da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, celebrada no pavillón Víctor Vigo de Camariñas. Durante o acto, o dirixente provincial subliñou a aposta da Deputación por este evento ao longo das últimas décadas para facer de Camariñas "o epicentro da moda en todo o territorio español, e incluso internacional, durante estes días".

"Porque en calquera lugar do mundo, dicir encaixe é dicir Camariñas", remarcou Formoso, "e isto débese ao traballo de tantas xeracións de palilleiras que mantiveron viva a tradición ao longo dos anos. Por todo iso, Camariñas converteuse nun exemplo cando falamos de moda, vangarda, artesanía e cultura", apuntou.

O dirixente provincial quixo destacar "o traballo impagable que tanta xente realiza ao longo dos 365 días do ano para lograr o éxito deste evento, que congrega a persoas distinguidas da moda procedentes de diferentes partes do mundo" e apuntou que "é un verdadeiro luxo para nós que a Mostra do Encaixe leve como apelido a Deputación da Coruña"

"Desde a nosa institución colaboramos con esta Mostra desde hai xa máis de tres décadas, poñendo en valor todo este patrimonio material e inmaterial, que só podemos gozar na vila de Camariñas. Un patrimonio que vive en todas esas persoas que día a día poñen o seu gran de area para que o encaixe non só siga manterse vivo, senón que transmita ás futuras xeracións a súa importancia e o seu valor" engadiu Formoso.

O presidente sinalou que a Mostra é, ademais, "unha canteira de talento emerxente, celebrando xa a súa edición número 29 do concurso de novos talentos, promovendo a todos os mozos e mozas con grandes habilidades que buscan facer da moda a súa carreira de futuro".

Na xornada inaugural, ademais do presidente provincial, participaron tamén a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas e o delegado provincial da Xunta, Gonzalo Trenor.

Ata o domingo 9 de abril, o municipio será a sede da Mostra, que contará 13 recoñecidos deseñadores e deseñadoras, 12 firmas internacionais, 13 participacións da sección ArtEncaixe, 31 noveis deseñadores, o espazo de VodaEncaixe, encontros de palilleiras, o monólogo de Touriñán, a música do rapeiro Lopes, actuacións como a do club de baile deportivo Arte e Movemento, DJ Son1c o asociacións tradicionais.

Na xornada de hoxe tivo lugar o desfile PequeEncaixe e a pasarela de Grandes Deseñadores, ademais da estrea de cancións dance Camariñas.