Estás en:Novas

Últimos días para solicitar as bolsas para proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos da Deputación da Coruña

O 14 de abril remata o prazo para solicitar as axudas para proxectos de investigación e o 20 para estudos artísticos

Convócanse 20 bolsas para proxectos de investigación en diversos eidos, que van das ciencias da saúde ás artes e humanidades e 25 bolsas para perfeccionamento de estudos artísticos en centros de fóra de Galicia e do estranxeiro

Últimos días para solicitar as bolsas para proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos da Deputación da Coruña

Sandra González, deputada de Educación

Últimos días para solicitar unha das 45 bolsas de 10.000 euros convocadas pola Deputación da Coruña para financiar proxectos de investigación en distintos campos (que van desde as ciencias da sáude ás artes e humanidades) e perfeccionamento de estudos artísticos.
Un total de 20 mozas e mozos da provincia da Coruña poderán beneficiarse das axudas para financiar proxectos de investigación, coas que a Deputación pretende ofrecer apoio e oportunidades aos novos talentos coruñeses en diferentes da ámbitos investigación que van desde as ciencias da saúde, ás ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades. Estas bolsas suman un importe total de 200.000 euros e poden solicitarse ata o 14 de abril ás 14:00 horas.
Con estas bolsas, a Deputación da Coruña apoiará a 20 persoas con titulación universitaria que desenvolverán no curso 2023-2024, durante un período mínimo de nove meses, proxectos de investigación co campo das artes e humanidades (5), ciencias (4), ciencias da saúde (4), ciencias sociais e xurídicas e estudos de xénero (5) e enxeñaría e arquitectura (2). Cada bolsa conta cunha achega de 10.000 euros.
25 bolsas de perfeccionamento artístico
No caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación dedica este ano 250.000 euros para financiar 25 axudas cunha achega de 10.000 euros cada unha. O prazo de solicitudes remata o 20 de abril ás 14.00 horas.
As persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma de Galicia durante o período 2023-2024 nalgunha destas áreas: audiovisual (3 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (4), música (12) e teatro e interpretación escénica (3 bolsas).
Estas bolsas permitirán a alumnos e alumnas coruñesas formarse en centros de fóra de Galicia e do estranxeiro.
As bases e convocatoria poden consultarse na páxina web da Deputación.
https://dacoruna.gal/educacion/bolsas
As solicitudes realizaranse a través da plataforma SUBTel da Deputación.