Estás en:Novas

A Deputación destina 80.000 euros a humanizar e mellorar a accesibilidade da rúa J.M. Ferreira Penedo, no Concello da Laracha

O orzamento total elévase ata os 100.000 euros, dos que a entidade provincial achega o 80% e o Concello da Laracha o 20% restante

O proxecto contempla a inclusión de espazos para pasear, a redución do tráfico rodado e a eliminación de estacionamentos incontrolados

Vaise mellorar a accesibilidade, ampliando o ancho da vía, corrixindo as pendentes e construíndo novos pasos de peóns

A Deputación destina 80.000 euros a humanizar e  mellorar a accesibilidade da rúa J.M. Ferreira Penedo, no Concello da Laracha

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela asinaron o convenio o convenio de colaboración para investir 99.961 euros na humanización e mellora da accesibilidade na rúa J.M. Penedo, na parroquia de Torás.

A entidade provincial achegará o 80%, que supón unha cantidade de 79.969 euros, e a Administración local o 20% restante.

O proxecto pretende deseñar un entorno urbano á medida das persoas, humanizando o núcleo urbano da vila e incluíndo espazos para pasear, reducindo o tráfico rodado e eliminando os estacionamentos incontrolados. Para iso realizarase unha vía de sentido de circulación único e de tráfico diferenciado, con beirarrúa e vial a diferentes niveles, creando espazos para os aparcamentos e áreas para colocar mobiliario urbano como papeleiras, contedores ou xardineiras.

O outro dos obxectivos da actuación, mellorar a accesibilidade, materializarase mediante a ampliación do ancho das beirarrúas actuais, cunha nova banda libre de mínimo 2 metros.

Vanse corrixir as pendentes das beirarrúas mediante a colocación do mobiliario urbano fóra da banda libre peonil, evitando interferencias no percorrido dos viandantes. Ademais, vanse construír novos pasos de peóns, dos cales un incorporarase na zona intermedia na vía, cunha rasante de 10 cm por riba do firme, facilitando os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida, permitindo a continuidade do itinerario peonil e a redución de vehículos.

Para mellorar a rede de pluviais colocaranse uns canlóns lonxitudinais de forma correcta entre as beirarrúas e as ramplas de entrada dos garaxes e nas canles das rendixas de fundición estableceranse ocos reducidos para evitar a introdución de bastóns, tacóns, etc. Por último, as arcas de rexistro de telecomunicacións, gas, auga e electricidade localizaranse dentro da banda libre de beirarrúas e deberán adaptarse á nova rasante, sendo o resalte menor a 4 mm.